15 de out. de 2020

A GUARDA

O BNG esixe responsabilidades ao Alcalde da Guarda na organización do Trail do Trega  

Anxo Lois Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda) denuncia a absoluta  deixadez de funcións por parte do goberno municipal na organización dunha proba deportiva nun escenario tan sensible como é o monte Trega 

 

Vista parcial do poboado Mergelina - reexcavado en 2015 -, no xacemento arqueolóxico do Monte Santa Trega, enclave prehistórico polo que o domingo día 11 de outubro de 2020 correron os 300 participantes do Trail do Trega

 

 Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego vén de facer público un comunicado no que relembra que o pasado día 11 de outubro celebrouse no monte Trega unha proba de Trial organizada polo Concello da Guarda. Para sorpresa da maioría, comezaron aparecer imaxes de participantes correndo por riba dos muros da zona arqueolóxica: algo prohibido e advertido a todas as persoas que visitan o monte Trega ao longo do ano.  

 Para os nacionalistas resulta lamentable  que o Concello da Guarda diante das denuncias e imaxes  publicadas  por distintas persoas sobre este atentado ao patrimonio guardés responda “que se debe a un erro loxístico provocado polo intenso vento nese día”.  

 O portavoz municipal do BNG, Anxo Lois Baz Vicente afirma que “non valen desculpas de última hora e a única razón  deste atentado ao noso patrimonio débese a absoluta deixadez de funcións por parte do goberno municipal na organización dunha proba deportiva nun escenario tan sensible como é o monte Trega. 

 O Concello da Guarda como organizador do evento, ten a obriga de velar pola conservación do Patrimonio e non deixar en mans de ningunha outra entidade o deseño dun trazado que poida ocasionar desperfectos no poboado castrexo.  

 Desde o BNG afirman ser conscientes da importancia en termos económicos, turísticos e promocionais da realización deste tipo de eventos pero co máximo respecto polo noso patrimonio, polo que pide ao Alcalde e ao grupo de goberno que asuman as responsabilidades políticas como organizadores do evento e deixen de culpar ao vento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario