26 de out. de 2019

BAIONA

A VOLTA DOS NOVE

Emotiva homenaxe ás familias do Val de Miñor represaliadas polo franquismo

E aos nove asasinados o 16 de outubro de 1936, na Volta da Bombardeira

Placa da autoría do escultor Fernando Casás que lembra os nove asasinados o 16 de outubro de 1936 na Volta da Bombardeira

Fotos: IEM


Infogauda / Baiona

 Cun emotivo acto de homenaxe ás familias represaliadas no Val de Miñor concluiron ás Xornadas “A Volta das Nove”, organizadas polo IEM coa colaboración dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán sobre a represión franquista contra as mulleres no Val de Miñor.  

 No acto que tivo lugar este sábado 26 de outubro, ás 12:00 horas no cemiterio municipal de Baiona, coordinado por Ana María Rodríguez, da Comisión “Volta dos Nove”, descubriuse unha placa da autoría do escultor Fernando Casás que lembra os nove asasinados o 16 de outubro de 1936 na Volta da Bombardeira, e que na primavera de 2009 o goberno municipal –naquela altura do Partido Popular- negouse a autorizar.  


 



  



  



 En nome das familias dos asasinados, interviu Aldo Dagraza Valverde.

 O historiador Xosé Lois Vilar Pedreira, membro do IEM, fixo unha lembranza histórica para situar á audiencia no contexto dos feitos.

 Recitaron Fran Alonso e Marta Dacosta, e Lucía César Veloso e Manolo Dopico, puxeron súas voces e á música.

 Pechou o acto Carlos Gómez, alcalde de Baiona.  

 O asasinato dos Nove  

 O asasinato dos nove traballadores foi un acto de vinganza das forzas represivas trala morte do falanxista Luis Refojo, ocorrida en Sabarís, a tarde anterior das execucións. Refojo formaba parte dunha partida que entrou a tiros nunha vivenda ocupada por un home cego (Ventura Pérez), unha muller de 71 anos (Dolores Samuelle Álvarez, “Perfecta”, que traballaba como doméstica) e os irmáns Luís e José López Luís, “Os Ineses”, fuxidos dos represores, un deles co cargo de ter sido tenente de alcalde de Baiona durante a República. Unha vez asasinados os ocupantes da casa, os falanxistas decidiron marchar cara as cadeas de Vigo en busca de presos políticos sobre os cales descargar a súa ira pola morte do camarada.  

 Cando chegaron á cadea de Vigo, alí non lles deixaron coller a ninguén. Logo foron ao frontón da rúa María Berdiales que servía tamén de cadea. Meteron nove homes nunha camioneta e dirixíronse cara a Baiona. As testemuñas discrepan na hora na que os levaron a Baiona. En todo caso na madrugada do 16 de outubro, arredor da 1:00, nove veciños do Val Miñor foron asasinados á altura da Volta da Bombardeira, a carón da estrada Pontevedra-Camposancos.
 
Os Nove  

• Manuel Aballe Domínguez, mariñeiro de Panxón, de 41 anos. Fillo de Modesto Aballe Macaya e de Benita Dominguez Salgueiro. Casado con Antonia Rial Veiro, deixou orfos dous fillos menores: Eugenio e Víctor.  

• Felicísimo Antonio Pérez Pérez, mariñeiro de Panxón, 44 anos. Fillo de Antonio Pérez Dominguez e de Rosa Pérez. Casado, sen fillos.  

• Elías Alejandro Gonda Alonso “O Ghonda”, labrador, de 36 anos, veciño de Santa Cristina da Ramallosa. Fillo de Ascensión Gonda Alonso. Casado cunha moza de Sabarís, Angelina Veiga Ríos, deixou orfos tres fillos menores: Isabel, Carmen e Manuel.  

• Manuel Francisco Lijó Pérez “O Lijó”de 34 anos, natural de Corrubedo (Ribeira) aínda que vivía e traballaba como mariñeiro no barrio do Burgo (Baíña). Fillo de Francisco Lijó Oliveira e de Ramona Pérez Gonda, estaba casado con Eugenia Mijón Durán, veciña de Baiona. Deixou orfos a cinco fillos menores de idade: Mercedes, Manuela, Maximino, Oto e máis Eva.  

• Modesto Fernández Rodríguez “O Rei Chiquito”, 47 anos, mariñeiro, veciño de Panxón, fillo de José Fernández e Dolores Rodríguez. Traballaba como mariñeiro. Do seu matrimonio con Rosalia Rodríguez Iglesias deixou orfos seis fillos menores: Gloria, Lidia, Juan, Enriqueta, Jaime e Álvaro.  

• Fidel Leyenda Rodríguez “Tío Félix”, de 51 anos, mariñeiro de Baiona. Fillo de Eulogio Leyenda Álvarez e de Vicenta Rodríguez Miguez. Casado con Sofía Vieites Penedo, de Baíña, non deixou fillos.  

• José Rodríguez González, “O Pelonio”. Fillo de Rufina Rodríguez González. Veciño da Porta da Vila, en Baiona. Tiña 45 anos. Este mariñeiro deixaría viúva a Clementina Freire Mosquera, de 43 anos, e orfos a Rogelio, Manuel, José, Melitón e África.  

• Manuel Barbosa Durán, “O Ferreiro do Burgo”. Fillo de Alfredo Barbosa e Isabel Durán Álvarez.  Era o máis novo dos asasinados. Tan só contaba con 30 anos de idade. Mecánico, natural de Bruña, foi vivir a Panxón tras o seu matrimonio con Julia Sanjuan García. Deixou catro fillos orfos: Oulia, Mª Carmen, Mª Encarnación e Manuel.

• Generoso Valverde Iglesias, fillo de Fermín e Constantina. Tamén traballaba como mariñeiro, e cando lle segaron á vida tiña 37 anos de idade. Natural e veciño de Panxón, casado con Aurelia Rodríguez Cabral, deixou seis fillos, todos eles menores: Generoso, José, Germán, Vicente, Elodia e Constante.

MORGADÁNS (GONDOMAR)

Acto de entrega do XII Premio de Poesía Victoriano Taibo  
Sábado, 16 de novembro ás 19:30H  
Escola de Guillufe, Morgadáns


IEM / Gondomar

 O concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns convocan os interesados a asistiren ao acto de entrega do XII Premio de Poesía Victoriano Taibo, galardón que recaeu no poeta vigués (miñorán de adopción) Francisco Javier Fernández Davila polo poemario titulado Mover os Marcos; o xurado salienta deste libro a unidade temática e estética á hora de expresar non só unha perda, tamén un transo vital en continuo ciclo, cunha voz poética forte e propia que mantén o pulso ao longo de toda a obra.  

 O acto, conducido por Pedro Rodríguez e o seu grupo Teatro do Ar, poralle un marco adecuado ao momento no que Fran Fernández, despois de ser introducido pola poeta miñorá e membro do IEM Marta Dacosta, recolla o galardón da man de Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, e recite algúns poemas do seu libro. O premio está dotado con 3.000 € e unha peza escultórica obra do artista miñorán Fino Lorenzo e fabricada desinteresadamente por Carpintería Meixoeiro. Este evento cultural, que terá lugar na aula da planta primeira da escola de Guillufe, en Morgadáns, o sábado 16 de novembro ás 19:30 horas, estará amenizado pola banda de gaitas Balcón do Miñor, da mesma parroquia. Despois da clausura do acto por parte do alcalde Francisco Ferreira haberá un albaroque de confraternización no soto do edificio onde asistentes e participantes poderán intercambiar opinións e o autor asinará libros para quen o desexe.  

 Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural. Foi poeta das Irmandades da Fala, en cuxo movemento participou de xeito moi activo. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Á parte dunha abundantísima obra espallada, publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira(1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lêndas (1956); deixou inéditos dous volumes de poemas, Abicedo e Cabrinfollas, publicados en 2008 por Armando Requeixo; neste mesmo ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do mundo da cultura.   

O ROSAL

#AVeciñanzaConta 

ASOCIACIÓN DAS FESTAS DE SAN XOÁN, DE MARTÍN

A alcaldesa Ánxela Fernández Callís con dous membros da asociación das festas de San Xoán, de Martín
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 Unha representación da directiva da asociación das festas de San Xoán, de Martín visitou o concello con motivo das reunións que a alcaldesa Ánxela Fernández Callís está mantendo coas diferentes asociacións do Rosal.  

 Nesta ocasión membros da asociación comentaron a forte vinculación que esta festa ten coa veciñanza de Martín, e a conveniencia de por en valor as festas tradicionais cun marcado valor cultural e de patrimonio, como é o caso da festa de San Xoán, que o vindeiro ano será festivo en toda Galicia.  

 Entre as actividades que a asociación desenvolve durante o ano, cabe destacar a andaina do 17 de maio, as comidas no día de San Martiño, as xuntanzas veciñais que fan periodicamente, e a festa que organizan, que para o ano 2020 serán dous días de celebración.

 Posta a vista no vindeiro ano e na planificación para todo o exercizo 2020, a alcaldesa do concello rosaleiro quere resaltar "a importancia tan grande das asociacións que traballan arreo na cultura local".

O ROSAL

#AVeciñanzaConta 

ASOCIACIÓN ECOS DO FOLÓN  
 
A alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís - no centro da imaxe - reuniuse coa directiva da asociación Ecos do Folón
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Continuando coas reunións dentro do programa #AVeciñanzaConta, nesta ocasión a alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís reuniuse coa directiva da asociación Ecos do Folón.  

 Nesta reunión a asociación comentou as diversas actividades que realizan ao longo do ano e a ampla programación cultural que desenvolven.  

 Desta reunión saíron varias propostas e ideas de cara a nova programación 2020.  

 Entre as novas propostas a levar a cabo destacarían integrar as súas actuacións con outros tipos de espectáculos e descentralizar o espazo no que desenvolven as actividades culturais, de xeito que os diferentes barrios do Rosal se beneficien da riqueza cultural que poden aportar.

SOCIEDADE

CEA ANUAL DOS VETERANOS ARTILLEIROS DE CABO  SILLEIRO

Formaron parte dos reemprazos de 1974 e 1975

Na imaxe, algúns dos artilleiros que fixeron o servizo militar na batería de costa de Cabo Silleiro que este ano voltaron a compartir unha cea de confraternidade


Infogauda / Gondomar

 Aí onde os  véis, eles -  Ardao, “Baredo”, Jiménez, Lomba,  Luis, Mariño, Moa, Moisés, Moreira, Rial, Refojos, Paco,  Pamies, Piñeiro, Quintas, Vicente,...-, son algúns dos veteranos artilleiros dos reemprazos de 1974 e 1975, que tras o período de  instrución no  CIR de Figueirido, e nalgúns casos, tamén unha breve estancia en Campolongo; cumpriron os seus respectivos períodos de servizo en filas, nas baterías de costa de Cabo  Silleiro e de  Monteferro.   

 Fieis ao seu encontro anual, volveron ao restaurante  Expo, de Gondomar, para celebrar a súa cea de confraternidade. Chegaron con entusiasmo desde diferentes parroquias do Val  do Fragoso, Val Miñor e O Baixo Miño, para compartir un tempo, unha saborosa cea, anécdotas, recordos,... cos compañeiros da mili. Sen nostalxia, pero coa satisfacción do deber cumprido e sobre todo, de poder evocar hoxe en día, con saúde, aquela época.   

 Houbo espazo para todo, pero especialmente para volverse a ver as caras, estreitarse as mans, lembrar aqueles tempos, conversar,..., e antes do ata sempre, renovar o desexo de repetir a convivencia o ano próximo.