28 de nov. de 2019

A GUARDA

Información sobre a liberación do Segundo Dividendo Dixital para a recepción do sinal TDT 

Na zona de A Guarda o inicio deste proceso está marcado para o primeiro trimestre de 2020


Infogauda / A Guarda 

 O executivo municipal do Concello de A Guarda que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, deu a coñecer este xoves 28 de novembro de 2019 que “a liberación do Segundo Dividendo Dixital é un proceso consistente na reorganización e abandono dalgunhas canles nas que se está a emitir a TDT na actualidade para deixar libre a banda de 700 MHz (frecuencias entre 694 Mhz e 790 MHz), necesaria para os novos servizos de banda larga (5G). 

 Este proceso debe estar rematado a máis tardar o 30 de xuño de 2020 (Decisión (UE) 2017/899 do Parlamento Europeo e do Consello). 

 En xuño de 2019 publicouse o Real Decreto 391/2019 polo que se aproba o novo Plan Técnico nacional da TDT (PTNTDT) e se regulan determinados aspectos para a liberación do Segundo Dividendo Dixital (2DD). 

 Este Real Decreto define as Áreas xeográficas nas que se divide o país, en canto ao uso das canles radioeléctricas asignadas aos prestadores do servizo de comunicación audiovisual televisiva, e identifica os concellos pertencentes a cada área xeográfica. 

 Ademais, recolle as canles radioeléctricas asignadas aos 8 múltiplex dixitais de cobertura estatal e autonómica, en cada unha das áreas xeográficas.

 En setembro de 2019 comezaron as novas emisións nos primeiros centros emisores, despregando as novas canles de emisión, e de forma progresiva iranse acendendo as novas canles no resto de centros afectados. Realizarase simulcast (emisións de forma simultánea na nova canle e a antiga) nos centros máis relevantes. Antes do 30 de xuño de 2020 deberá producirse o cesamento das emisións das canles na banda de frecuencias 694-700 MHz (liberación do segundo dividendo dixital). 

 Na zona de A Guarda o inicio deste proceso está marcado para o primeiro trimestre de 2020.   

 A liberación da banda de 700 MHz implica que as canles que actualmente ocupan a devandita banda desprazaranse a outra parte do espectro radioeléctrico. Isto requirirá a adaptación das infraestruturas de recepción colectiva nalgúns edificios. Esta adaptación dependerá do número de múltiples que empregan a banda de 700 MHz en cada unha das áreas xeográficas.  

¿Qué temos que facer? 

 As adaptacións necesarias que terán que facer os cidadáns para non perder a oferta televisiva: 

•Actuación dun instalador rexistrado de telecomunicacións nos edificios de vivenda con: 

1.Centraliña programable 
2.Amplificador monocanle 

 (Non será necesario realizar adaptación nas vivendas que teñan instalado amplificadores de banda larga, como por exemplo vivendas unifamiliares ou edificios comunitarios de menor tamaño) 

•Resintonización dos televisores en todas as vivendas unha vez que finalicen os simulcast. 

 O custo das actuacións necesarias para a adaptación estará subvencionado. O 21 de xuño de 2019 aprobouse o Real Decreto polo que se conceden subvencións para as actuacións nos sistemas de recepción do sinal de TDT nas edificacións afectadas polo segundo Dividendo Dixital. A contía da subvención oscila entre 104,3€ e 677,95€, en función dos cambios precisos para a adaptación. A solicitude de axudas realizarase en liña a través da sede electrónica do Ministerio de Economía e Empresa, ata o 30 de setembro de 2020 trala realización da adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT. 

 Para máis información pódese consultar na web http://www.televisiondigital.es ou nos teléfonos 901 201 004 910 889 879

Ningún comentario:

Publicar un comentario