14 de feb. de 2019

MOBILIDADE

A COMITIVA DE CONCELLOS PONTEVEDRESES EN FUERTEVENTURA AVANZAN NOS SEUS PROXECTOS PARA CREAR CIDADES DAS NENAS E NENOS DA MAN DE TONUCCI  

As e os representantes pontevedreses mostraron vídeos dos traballos realizados nos seus municipios e intercambiaron experiencias con outros 60 membros da ‘rede Tonucci’ do estado  


Francesco Tonucci cos compoñentes da delegación pontevedresa
Fotos: D. PO.

Infogauda / Fuerteventura

 A  comitiva de concellos da provincia de Pontevedra participantes na ‘rede Tonucci’ de cidades das nenas e os nenos pecharon hoxe unha intensa xornada de traballo no IV Encontro estatal que se está celebrar en Fuerteventura. Representantes dos concellos de Cambados, Tomiño, Pontevedra, Ponteareas, A Guarda, O Grove, Ribadumia, Lalín, Vilaboa, A Guarda, Salceda, Vilagarcía e Cangas escoitaron as propostas do pedagogo italiano para avanzar na súa aposta de converter os municipios da provincia en vilas onde a infancia sexa a medida para desenvolver proxectos e deseños urbanos.  

 Tonucci, na súa conferencia marco, insistiu na necesidade de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa, dende a coa infancia, pero apostando por unha visión máis feminina, o que el chamou unha visión “con ollos de nena” nun momento no que é preciso incidir no prezo que  “pagan moitas nenas polo feito de ter nacido mulleres: situacións na vida cotiá, dificultades e trampas que teñen que superar nunha contorna que moitas veces lles é allea”.  

 Así mesmo, o italiano instou aos concellos pontevedreses a avanzar con determinación aplicando un modelo de mobilidade que permita que as vilas e cidades sexan pensadas “non só para os nenos e as nenas, senón para toda a cidadanía”, insistindo en que cando se pide á rapazada que faga as súas aportacións para conseguir espazos de convivencia conxuntos sempre se acada unha mellora global.  

 A xornada de hoxe en Fuerteventura, ademais de co relatorio principal de Francesco Tonucci, comezou co intercambio de experiencias entre os municipios da rede (cuns 60 participantes de Barcelona, Valencia, Granada, Huesca, Jaén, concellos do País Vasco…), expostas tanto por medio de vídeos como de pequenas intervencións faladas, nas que os principais protagonistas foron os camiños escolares e os sistemas de participación infantil nas tomas de decisións políticas.Posteriormente, o sociólogo Marco Marchioni expuxo o seu relatorio ‘A infancia, un ben comunitario’.  

 Pola tarde, a comitiva pontevedresa tiña previsto participar nunha visita ás rúas peonís de Corralejo guiada por conselleiros e conselleiras do Consello Municipal de La Oliva, para posteriormente coñecer o programa ‘Aventúrate: camiñando cara a escola’ a cargo da responsable de educación do Goberno de Canarias, Soledad Monzón; a técnica da Dirección Xeral de Ordenación, Innovación e Promoción Educativa e Policía Local do concello de La Oliva.   

 Finalmente, as charlas no auditorio de Corralejo remataron coas intervencións sobre ‘As nenas e nenos da comunidade: camiñando cara a mobilidade creadora atopeime participando na comunitade educadora’, ‘Os dereitos da infancia en situacións de pérdida e morte’, ‘A aula infantil de innovación intelixente: unha experiencia sustentable dende os nenos e nenas deFuerteventura’, así como sobre ‘Órganos de participación infantil e adolescente. O proceso de elaboración do plan insular’, a cargo de diferentes expertos socioeducadores e traballadores de administracións canarias.  

 Mañá venres desenvolverase o Plenario da rede estatal de cidades para aprobar os estatutos de incorporación e o establecemento dun protocolo de asesoramento a cidades e organismos adheridos, ademais de decidir cal será a vila que acollerá o encontro anual do vindeiro ano, entre outras cuestións.  

Grande expectación 

 O traballo da Deputación de Pontevedra en materia de mobilidade amable -continuando o modelo do Concello de Pontevedra- seguiu espertando moito interese tanto entre os participantes do ‘encontro Tonucci’ e tamén entre os medios de comunicación canarios. Así, ademais da entrevista realizada ao vicepresidente Mosquera na radio autonómica canaria no día de onte, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez e o asesor Jesús Fole realizaron durante a mañá de hoxe tres entrevistas en directo con radios ‘majoreras’ e tamén un programa de televisión coa emisora autonómica ‘Mírame TV’, que será emitido este fin de semana nun espazo especial no que tamén participará Francesco Tonucci.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez - no centro da imaxe - e o asesor Jesús Fole participaron no programa de televisión da emisora autonómica ‘Mírame TV’
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez participaron en varios programas de radio para espallar o seu modelo de mobilidade

 Os participantes no IV Encontro de Cidades dos nenos e das nenas convidados pola Deputación de Pontevedra a Fuerteventura son: de Tomiño, Sandra González; de Cambados, Fátima Abal; así como as tenentes de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva; de Ponteareas, María Jesús Garrote; de A Guarda, Miguel A. Español; as concelleiras de O Grove María Ángeles Domínguez; de Ponteareas, Verónica Carrera; de Ribadumia, Enrique Oubiña; de Lalín, Lara Rodríguez; de Vilaboa, Francisco Costa; de A Guarda, María Elena Baz; de Salceda, Teresa Pérez; e de Vilagarcía, Lino Mouriño; así como o inspector xefe da Policía Local de Cangas, José Alberto Agulla Bará.

Ningún comentario:

Publicar un comentario