7 de dec. de 2018

PONTEVEDRA

O PP denuncia a falta de apoio do Goberno de Carmela Silva 

A clubs femininos de referencia da provincia  

Santiago Rodríguez Davila, deputado do grupo provincial do Partido Popular

Infogauda / Pontevedra

 O grupo provincial do Partido Popular denuncia a falta de apoio do Goberno de Carmela Silva a clubs femininos de referencia para a provincia. “Non podemos entender que entidades de élite, con equipos que son referentes incluso a nivel internacional e cunha canteira importante, non conten co apoio económico que merecen por parte da Deputación de Pontevedra”, critica o deputado popular Santiago Rodríguez Davila.  

 Así, os populares fanse eco das críticas vertidas nos últimos días por clubs femininos ao sentirse discriminados no reparto de axudas provinciais. Davila recorda a Silva que “non só  hai que ser feminista nos discursos, o apoio aos clubs feministas non pode quedar só en intencións e na busca de titulares, teñen que plasmarse en feitos, e a realidade é que o 62% das axudas que se repartiron a equipos deportivos nacionais este ano foron para catro equipos masculinos da provincia”. Nesta liña, insiste o deputado, “hai clubs femininos que son históricos, tamén polos éxitos acadados, e que non contan para o Goberno presidido por Carmela Silva, que non teñen as mesmas axudas e oportunidades que o deporte masculino”.  

 Para Davila, “cando o Goberno é incapaz de executar o cen por cento do orzamento e quedan cartos na caixa da Deputación, cando hai necesidades e cando hai clubs femininos que tamén precisan do reforzo e do apoio incondicional da Deputación de Pontevedra, a resposta é sinxela, simplemente é cuestión de vontade política. E está claro vontade falta neste Goberno”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario