6 de dec. de 2018

PONTEVEDRA

CULTURA

RAMÓN CARIDE E FRANCISCO ÁLVAREZ "KOKI" PRESENTAN DOUS NOVOS LIBROS

· O luns día 10 de decembro, ás 20:00 horas, no Ateneo de Pontevedra



Ricardo Rodríguez Vicente / Pontevedra

 O Ateneo de Pontevedra e o Grupo Editorial Sial Pigmalión convidan á presentación dos libros “Sueños eléctricos” de Ramón Caride, e “El libro de Lourenzo”, de Francisco Álvarez “Koki”.

 O acto terá lugar o luns día 10 de decembro, ás 20:00 horas no Espazo Nemonon: edificio Villa Pilar; Rúa do Marqués de Riestra, 11 - 1º (Pontevedra).

 Intervirán:

· Domingo Tabuyo, escritor e profesor.
· Basilio Rodríguez Cañada, presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión
· E os autores: Ramón Caride Ogando e Francisco Álvarez Álvarez “Koki”.

Francisco Álvarez Koki (A Guarda, 1957). Escritor galego e animador cultural residente en New York, onde fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro para difundir a cultura galega. Os seus últimos libros publicados en galego son: Un  neno na emigración e  Vasoiras Barreiro (literatura infantil), Ratas en Manhattan (narrativa) e A memoria das palabras,  Maruxía,  Alen da fronteira e  Mais  aló de  Fisterre (poesía). 

 En castelán publicou os libros de poemas: Erótica… dos, Sombra de luna e Para abril y amantes. Participou no libro Seis narradores españoles en New York e coordinou a antoloxía de poetas hispanos Al fin del siglo, 20 poetas. As últimas antoloxías nas que colaborou son: Miradas de Nueva York e Geometría y angustia de Julio Neira.  

El libro de Lourenzo 

Ser avó é ser pai pero doutra maneira, permite recobrar a mirada primeira que inaugurou todas as demais visións. Ser avó é volver mirar o mundo con ollos de neno.(…)   

Este Libro de Lourenzo é o libro do seu avó, o neno Francisco que miraba pasar o Miño baixo a súa xanela. O seu neto, concibido alén do mar, mira agora o mesmo río, xoga na mesma alameda, baixo o mesmo ceo, e con todo: quen poderá  desandar o tempo andado?  

Se seica a nostalxia é a nai de todo sentimento poético, o amor é a esencia da vida, con certeza. Neste eterno retorno, transportados no máxico vehículo das palabras que son sempre os poemas infantís, o avó recrea o seu microcosmos orixinal, un espazo vital que un día Lourenzo, pai á súa vez noutra beira do tempo, poderá entender e emocionarse como ninguén. Ata entón a súa chegada ao mundo permítenos a nós asistir ao agasallo da súa intimidade compartida: as palabras de Lourenzo, tan sinxelas como emotivas.   

Ramón Caride

Ramón Caride Ogando (Cea, Ourense,1957) é un dos máis destacados escritores actuais das letras galegas. Autor de novelas como Soños eléctricos (Premio Branco Amor), Sarou/Louzós (Premio Café Dublín), Tempos de fuga (Premio Risco), O frío azul (Premio Lueiro Rei, Premio Templis-Fnac) ou a recentes Liquidación de existencias, O camiño da Estadea e Terra queimada. Tamén publicou numerosos libros de relatos, entre eles Dedre, Endogamia 0.2, Flash-Black 13 e Singamia 1.1

Cultiva, así mesmo, outros xéneros, como o ensaio (O gume dous espellos, Catro x 34), a poesía (As máscaras de Cronos, Criptografías, A chuvia humana) e, sobre todo, a literatura infantil e xuvenil, cunha obra inxente, premiada con diversos galardóns. Súa pentaloxía futurista As aventuras de Sheila e Said, ilustrada por Miguelanxo Prado, iniciada con Perigo vexetal, foi editada en galego, castelán e portugués, con gran éxito de crítica e múltiples reedicións.  

Sueños eléctricos 

Nuns tempos nos que a ciencia e a tecnoloxía invadiron o cotián, a ciencia ficción de Ramón Caride ofrécenos a posibilidade de traspasar a fronteira entre as humanidades e o científico-tecnolóxico. El mesmo é un exemplo paradigmático de creador con formación científica e un excelente dominio da linguaxe que se plasma nunha obra extensa, diversa e amplamente recoñecida pola crítica, os premios e sobre todo as lectoras e lectores.  

Isabel Mociño González  

Sen mencionar a súa orixinal estrutura ou a presenza acesa do rock ‘ n’ roll, chama a atención a auténtica e ben conseguida desembocadura na novela, como nun río caudaloso, de varios torrentes de influencias que devocionamos os seguidores deste xénero tan transcendente: Huxley, xa non pola consabida distopía senón pola frialdade sentimental do personaxe Stevo Dádik, Philip K. Dick e o seu rabaño de ovellas eléctricas, a bóveda asimoviana, a space opera ata certo punto, o postapocalipsis da Máquina do tempo de Wells, o sistema de clases tan patente en obras de Frederik Pohl, a sombra de Ballard, a calidade literaria de Bradbury, a dualidade Xandor- Dádik case stevensoniana…

Jorge Emilio Bóveda

Ningún comentario:

Publicar un comentario