5 de dec. de 2018

A GUARDA

A Guarda da a benvida ao Nadal 

· Co aceso do alumeado e espectáculos de animación de rúa  

Vista parcial do alumeado na Casa do Concello e os balons que foron soltados na Praza do Reló
Fotos: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Nadal chegou este mércores á Guarda e contará cunha extensa e variada programación de actividades na que destacan o teatro, a animación musical polas rúas, os concertos de panxoliñas, os obradoiros de decoración, as chocolatadas, a instalación por primeira vez na vila dunha pista de xeo, ou a Cabalgata de Reis.  

 A programación esténdese ata o 6 de xaneiro, un mes no que A Guarda vivirá na maxia do Nadal.  

 As actividades comezaron xa este mércores día 5 de decembro co aceso da iluminación de Nadal, que se celebrou contando cunha masiva afluencia na Praza do Reló da localidade, malia que unha choiva suave tamén fixo acto de presenza.  

 Neste punto neurálxico da vila contouse con animación de rúa a cargo de Barafunda cos espectáculos “A xogar cos Trasnos” e “Lolo Globotolo”. 
  
“A xogar cos Trasnos” na súa actuación seguido de preto por adultos e picariños

 “A xogar cos Trasnos” é unha gran festa chea de cor e de sorrisos onde os nenos e nenas poderán bailar coma tolos e xogar coa música, un espectáculo de movemento interactivo con xogos, cancións de animación, globos e moita diversión.   

O pallaso Lolo desenvolvendo seu espectáculo na Praza do Reló

 “Lolo Globotolo” é o pallaso Lolo, fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderá ós máis grandes, facendo figuras imposibles con globos e gag divertidos, un espectáculo dende unha perspectiva cómica e interactiva onde o público sentirase parte integrante do espectáculo, ideal para toda a familia, cunha posta en escena onde a ilusión do clown mistúrase nun cóctel de risas e gargalladas. 

O alcalde Antonio Lomba Baz coas nenas e nenos que compartiron con el o intre do aceso do alumeado deste Nadal

 O alcalde Antonio Lomba Baz dirixiuse os picariños, decíndolles: "As nenas e nenos sodes os guardians do Nadal. O Nadal habita nos vosos corazóns todo o ano. Por iso vos sodes os guardians do Nadal, e cando chegan estas datas ainda máis (...)".

 E logo o rexedor preguntoulles: ¿Quen sodes vos?

 Os picariños respostaron: ¡Somos os guardians do Nadal!

 Dese xeito, acompañado de numerosas nenas e nenos, o alcalde díxolles que ían facer unha conta atrás, a partir de 10, e logo, todos premerían no botón máxico que el tiña nas súas mans, coma se fose para lanzar un foguete o espazo. Foi así como alcalde e seus colabouradores, os guardians do Nadal, con moita emoción inauguraron o alumeado deste Nadal.


 Tamén dende primeira hora da mañá deste mércores día 5 de decembro publicouse na web municipal o vídeo do Obradoiro de Adornos de Nadal, neste vídeo, elaborado pola deseñadora e experta en escaparatismo Patricia Maquieira Franco. Nese audiovisual explícase como será o adorno de Nadal proposto para este ano e que se realizarán nos obradoiros que terán lugar os días 10 (en de 20:30 a 22:30 horas)  e o día 15 (de 16:30 a 18:30 horas) de decembro na Casa dos Alonso.   

 Dende o Concello da Guarda se convida a toda á cidadanía a seguir participando e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario