3 de dec. de 2018

A GUARDA

Co aceso da iluminación de Nadal 

· Este mércores comeza unha intensa programación na Guarda  


Infogauda / A Guarda

 O Nadal chega á Guarda cunha extensa e variada programación de actividades que como xa informamos os nosos amables lectores deste xornal dixital transfronteirizo, presentaron o pasado venres día 30 de novembro a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez.  

 Teatro, animación musical polas rúas, concertos de panxoliñas, obradoiros de decoración, chocolatadas, pista de xeo, ou a Cabalgata de Reis, son algunhas das actividades previstas dende o 5 de decembro ata o 6 de xaneiro, un mes no que A Guarda vivirá na maxia do Nadal.


 A programación de actividades arrancan xa este mércores día 5 de decembro, ás 20:30 horas na Praza do Reló, co aceso da iluminación de Nadal.  

 Dende as 20:00 horas contarase con animación de rúa a cargo de Barafunda cos espectáculos “A xogar cos Trasnos” e “Lolo Globotolo”.  

 “A xogar cos Trasnos” é unha gran festa chea de cor e de sorrisos onde as nenas e nenos poderán bailar e xogar coa música. Un espectáculo de movemento interactivo con xogos, cancións de animación, globos e moita diversión. 

 “Lolo Globotolo” é o pallaso Lolo, fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderá ós máis grandes, facendo figuras imposibles con globos e gags divertidos. Un espectáculo dende unha perspectiva cómica e interactiva onde o público sentirase parte integrante do espectáculo, ideal para toda a familia, cunha posta en escena onde a ilusión do clown mistúrase nun cóctel de risas e gargalladas. 

 Tamén o 5 de decembro publicarase na web municipal  o vídeo do Obradoiro de Adornos de Nadal, elaborado pola deseñadora e experta en escaparatismo Patricia Maquieira Franco. Nese audiovisual explicarase como serán os adornos de Nadal que se realizarán nos obradoiros que terán lugar os días 10 (en horario de 20:30 a 22:30 horas)  e 15 (de 16:30 a 18:30 horas) de decembro na Casa dos Alonso.   

 Dende o Concello da Guarda se convida a participar e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario