27 de nov. de 2018

TOMIÑO

Gala Ano da Lingua 

· A partir de mañá xa se poden recoller as entradas

· Serán de balde e poden recollerse no Servizo de Cultura do Concello de Tomiño en horario de mañá

De esq. a der.: Andrea Pousa, Sandra González, Xosé Leal e Cristina Martínez, na presentación da Gala Ano da Lingua
Foto: D. PO.

Infogauda / Tomiño

 A partir de mañá, mércores día 28 de novembro, todas as persoas interesadas en asistir á Gala Ano da Lingua poderán retirar as súas entradas. Nesta ocasión establécese un único punto físico de retirada, que será o Servizo de Cultura do Concello de Tomiño, e permitirase retirar un máximo de 2 entradas por cada persoa. O horario de retirada corresponderá co horario de apertura ao público de 8:00 e as 14:00 h.  

 As entradas da Gala do Ano da Lingua son de balde e estarán a disposición do público ata que se esgoten as 325 butacas coas que conta o Auditorio de Goián. Hai que lembrar que esta Gala terá lugar o sábado 8 de decembro ás 20:00 horas no Auditorio Goián e que ese mesmo día tamén se programa unha sesión matinal na praza do Seixo para público familiar, que se trasladará ao mercado en caso de choiva.  

 A gala, que estará presentada pola actriz Isabel Risco, contempla unha performance realizada ad hoc pola poeta Tamara Andrés, un espectáculo aéreo a cargo de Rebeca Santos, e as actuacións musicais de Andrea Pousa, Leilía e A Banda da Loba. En canto á sesión matinal, que comezará ás 12h, inclúe o Concerto Punk infantil, para público infantil e familiar, e nunha actuación de Blues do País, nunha sesión vermú.  

 O 8 de decembro Tomiño converterase, con estes dous eventos, no centro dos actos cos que a Deputación de Pontevedra remata o Ano dedicado á promoción e ao compromiso coa lingua galega. A institución provincial continúa, deste xeito, coa súa filosofía de descentralizar os actos principais do ano e levándoos a distintos puntos da provincia co fin primordial de facelos accesibles a toda a poboación, independentemente do lugar onde resida. Tomiño é o terceiro concello que acolle unha Gala destas características, despois que no ano 2017 se celebrase en Cangas do Morrazo con motivo do Ano do Patrimonio, e no ano 2016 tivese lugar en Pontevedra co gallo do Ano Castelao.

Ningún comentario:

Publicar un comentario