4 de nov. de 2018

GONDOMAR

Aínda quedan prazas para a XVIII Xeira Alén Miñor A Coruña e A Mariña Coruñesa 

24-25 de novembro

Praza de María Pita (A Coruña)

IEM / Gondomar

 As primitivas dimensións da Coruña ocupaban o que hoxe se coñece como Cidade Vella. Era A Coruña intramuros, e tanto o seu trazado como a súa arquitectura explican a historia desta cidade. A Cidade Vella fíxose á medida humana. Pedra, vidro e madeira mesturáronse para dar acubillo a fidalgos como a artesáns ou mariñeiros. A Porta Real foi a primeira entrada á primitiva cidade. Moito que ver ou recoñecer nesta cidade vella, acompañados por un guía que é un dos referentes da cultura contemporánea do país, Felipe Senén. 

 A sede oficial da Real Academia (edificio dezaoitesco), noutro tempo  propiedade de Pardo Bazán, moi preto da Colexiata de Santa María (principios do sc. XIV) que foi a igrexa dos gremios do mar e do comercio.

 Na contorna sitúase a Praza de Azcárraga. Está trazada sobre dous planos diferentes. No máis elevado enmárcase a antiga praza da Fariña, en cuxa bonita bóveda se acubilla a fonte do Desexo; no plano inferior está o palacio neoclásico da rexión militar noroeste, que data de 1740 e que acolleu a constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, con motivo do alzamento coruñés contra as tropas napoleónicas.

 O Convento de Santo Domingo levantouse a finais do século XIII, foi incendiado polos homes de Francis Drake a fins do XVII. A Igrexa data do século XVII e é de estilo barroco galego. 

 Moitos persoeiros, aventureiros, escritores, filósofos, científicos, ou persoas sen título como  María Pita, que se enfrontou a Drake ou lideraron a resistencia ós franceses, viviron ou tiveron relación coa cidade. O Duque de Toscana, Cosme de Medicis, nunha das súas viaxes de coñecemento, o mariño Alejandro Malaspina, militares ou estadistas, como Porlier ou Melchor de Macanaz. Sir John Moore (repousa nos xardíns de San Carlos). Personaxes, espíritos da cidade ou simples cidadáns que inspiraron á Condesa de Pardo Bazán en "A Pedra Angular" ou a obra de Murguía e de Rosalía, os que xogaron co neno Pablo Picasso, que iluminaron o pensamento de  Wenceslao Fernández Flórez ou de Salvador de Madariaga. 

 A cidade vella agocha máis recunchos queridos polos seus veciños, como o A Praza e O Convento das Bárbaras, próximos o Castelo de San Antón (hoxe Museo Arqueolóxico), antiga fortaleza do século XVI que se edificou sobre unha illa para protexer a entrada da ría dos ataques do pirata Drake. Ou o arquivo do Reino De Galicia (1775), que está encargado da recollida, custodia e posta a disposición do público da documentación de ámbito galego e provincial, xerada por diversos organismos de carácter xudicial ou administrativo con sede na provincia da Coruña. 

 Fundación Luís Seoane

 Espazo multidisciplinar que dá cabida a tódalas expresións artísticas do ser humano independentemente da súa idade ou procedencia. Obradoiros de debuxo, espazos de creación e coñecemento artístico, colectividades ou autores, lecturas significadas, concertos, teatro, ciclos de cine e curtametraxes, clubs literarios e de lectura, danza e expresión etc.  

 Encarna o espírito da Galicia emigrante, das raíces e do desterro, o ideal dunha cultura entroncada no popular e en fin, a resistencia contra a ditadura e contra o longo esquecemento. Seoane é para os seus paisanos algo moi próximo e propio, vivido a través dunha herdanza diseminada por todas partes e cun crisol inmenso de creatividade sen fin: pintura, debuxo e gravado, cerámica, tapices, murais, grafista, ilustracións, escritor, poesía… 

 O domingo visitaremos Betanzos   

 O Centro histórico foi declarado conxunto-histórico artístico en 1970 e trátase dunha das cidades medievais máis importantes de Galicia (desde 1465),foi capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia. 

 Os ríos que o percorren, Mandeo, Mendo e Mero, que xunto á Ría de Betanzos, conforman unha paisaxe de singular beleza. 

 No paseo polo centro da vila atoparemos importantes templos románicos como a Igrexa de San Francisco ou a de Sta. María do Azogue, o edificio da Casa Consistorial ou os restos, datados do século XIV, da muralla que rodeaba a cidade, entre outros puntos de interese. 

 Non se debe deixar de coñecer o legado dos irmáns García Naveira como o Parque do Pasatempo, as Escolas de San Francisco ou a de García Irmáns, estas últimas de estilo modernista.

En Bergondo visita o Pazo de Mariñán   

 A construción inicial coñécese como "de Bergondo", non de Mariñán .As orixes do Pazo de Mariñán sitúanse a mediados do século XV, por orde de  Gómez Pérez das Mariñas ("Señor das Mariñas, de Mesía e de Moscoso", cabaleiro da corte de Juan II, que participou dunha maneira activa nas loitas Irmandiñas). O Pazo e os seus xardíns son conxunto histórico-artístico e monumental por Real Decreto do 5 de outubro de 1972. Na actualidade comparte tres usos: actos institucionais da deputación, centro de congresos e foros e museo do propio Pazo, reunindo boa parte da colección artística da institución provincial.  

 En Mariñán a arquitectura compleméntase coa paisaxe típica da Mariña que se abre á ría de Betanzos, formada polo río Mandeo. O xardín divídese en tres zonas: ornamental, hortícola e o arboredo. Uns e outros reflicten as distintas formas de aproveitar o terreo.  

 O xardín foi trazado a comezos do século XIX, baseándose no que xa existía, moito máis sinxelo. O labor de introdución de especies converte a estes espazos de vexetación practicamente en illas botánicas e, ao mesmo tempo, en depositarios da flora e a sensibilidade ornamental galega. As especies decorativas compoñen o grupo máis numeroso, con gran diversidade e monumentalidade, destacando o abeto do Cáucaso, o ciprés de Lawson, os buxos, os teixos, etc.  

 No xardín hai un pequeno embarcadoiro que ademais de ser utilizado como lugar de lecer servía os donos e os traballadores do pazo para atravesar a ría antes da construción da ponte do Pedrido. A partir de 1997 créase o "xardín da palabra", no que ilustres visitantes plantan unha árbore e ao seu pé deixan para o futuro unha mensaxe. 

CARACTERÍSTICAS DA XEIRA   

DATA: 24-25 de Novembro de 2018   

GUÍA: Felipe Senén (arqueólogo e museólogo)   

HORARIO APROXIMADO   

SAÍDA DO AUTOCAR Sábado: 8:00 de Gondomar, dende a explanada do Pavillón de deportes.   

CHEGADA: Domingo, aproximadamente ás 21:00, ó mesmo lugar de partida.   

 Para anotarse á xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575/ 627 276816, de luns a venres de 18.00 a 21.00, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal  

·      PREZO SOCIOS/AS: 110  EUROS 

·      PREZO NON SOCIOS/AS:  125 EUROS 

·      Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164  

 O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar do sábado (A Coruña) e do domingo (Betanzos), almorzo do domingo, hotel na Coruña, as visitas e o guía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario