30 de nov. de 2018

A GUARDA

A maxia do Nadal chega á A Guarda

· Do 5 de decembro ao 6 de xaneiro

· Animación musical polas rúas, cinema, chocolatadas, concertos de panxoliñas, obradoiros de decoración, pista de xeo, teatro, Cabalgata de Reis,...  

A concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez, co alcalde Antonio Lomba Baz e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, na presentación da Axenda de Nadal 2018-2019
Foto: C. A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Nadal chega á Guarda cunha extensa e variada programación de actividades que presentaron este venres día 30 de novembro a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez.

 Animación musical polas rúas, cinema, chocolatadas, concertos de panxoliñas, obradoiros de decoración, pista de xeo, teatro ou a Cabalgata de Reis, son algunhas das actividades previstas dende o 5 de decembro ata o 6 de xaneiro, un mes no que A Guarda vivirá na maxia do Nadal.
  

 A programación de actividades arrancan xa o mércores día 5 de decembro co aceso da iluminación de Nadal ás 20:30 horas na Praza do Reló, onde dende as 20:00 horas contarase con animación de rúa a cargo de Barafunda cos espectáculos “A xogar cos Trasnos” e “Lolo Globotolo”.  

 “A xogar cos Trasnos” é unha gran festa chea de cor e de sorrisos onde as nenas e nenos poderán bailar coma tolos e xogar coa música, un espectáculo de movemento interactivo con xogos, cancións de animación, globos e moita diversión. 

 “Lolo Globotolo” é o pallaso Lolo, fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderá ós máis grandes, facendo figuras imposibles con globos e gag divertidos, un espectáculo dende unha perspectiva cómica e interactiva onde o público sentirase parte integrante do espectáculo, ideal para toda a familia, cunha posta en escena onde a ilusión do clown mistúrase nun cóctel de risas e gargalladas. 

 Tamén o 5 de decembro publicarase na web municipal o vídeo do obradoiro de Adornos de Nadal. Nese vídeo, elaborado pola deseñadora e experta en escaparatismo Patricia Maquieira Franco, explicarase como serán os adornos de Nadal que se realizarán nos obradoiros que terán lugar os días 10 (en horario de 20:30 a 22:30 horas)  e 15 (de 16:30 a 18:30 horas) de decembro, na Casa dos Alonso.  

 Dende o mércores 12 de decembro 11 asociacións e colectivos da vila encargaranse de engalanar diferentes espazos públicos da Guarda dentro da actividade “Decora o teu Nadal”, unha proposta que xa tivo gran repercusión nos anos anteriores e que se repite este ano para retomar a maxia do Nadal nas prazas da vila. 

CONCERTO DE NADAL NA CASA DOS ALONSO

 O xoves 13 de decembro ás 20:00 horas a Casa dos Alonso acollerá un Concerto de Nadal do Conservatorio de Música Elemental da Guarda, onde contarase coa actuación do Coro do Conservatorio, unha nova proposta que xurde este ano contando coa participación dos alumnos do Conservatorio e que será o seu concerto de presentación.  

 O venres 14 de decembro a Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle a Bebeteca de Nadal, unha iniciativa dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 6 anos de idade que terá lugar ás 18:00 horas. 

DATA DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR DE PAXES REAIS

 O sábado 15 de decembro será o día no que se inscribirán todos aquelas nenas e nenos que desexen participar na Cabalgata de Reis. Para inscribirse é preciso que cada nena ou neno vaia ao Centro Cultural dende as 10:00 horas acompañado sempre dun adulto (1 por nena/o). Os participantes deberán de ter, mínimo 8 anos de idade e cumprimentar a solicitude por parte das nais/pais ou titores legais, as follas de inscrición e as bases reguladoras estarán a disposición nos días previos no Centro Cultural e no Concello da Guarda. 

FESTIVAL SOLIDARIO NO CENTRO CULTURAL

 Tamén o sábado 15, ás 20:00 horas no Centro Cultural celebrarase o Festival Solidario a favor da Fundación Las Samaritanas. Nesta edición contarase coas seguintes actuacións: 

· Grupo de Baile Xamaraina
· Grupo de Baile Studio 88
· Grupo de Gaitas A Boalleira
· Grupo de Baile Do-Majó 
· Grupo de Acordeóns Argonat Band. 

 Unha magnífica oportunidade para colaborar nunha boa causa. 

UNHA PISTA DE XEO NA ALAMEDA DA VILA


 O domingo 18 de decembro será o primeiro día de apertura da Pista de Xeo que estará instalada na Alameda da Guarda. As entradas custarán 6€, en venda anticipada nos establecementos da vila e 7€ na propia pista, cunha duración de 45 minutos para gozar por primeira vez na Guarda da patinaxe sobre xeo. 

 O aluguer dos patíns é gratuíto e recórdase que se deben de traer guantes para as mans. O horario de luns a venres será de 16:00 a 22:00 horas e as fins de semana de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas. 

 O 25 de decembro, 5 e 6 de xaneiro funcionará en horario de fin de semana e o 24 e 31 de decembro en horario continuo de 11:00 a 19:00 horas. O 1 de xaneiro funcionará só en horario de tarde de 16:00 a 22:00 horas. 

 Todos aqueles comercios que desexen dispor de entradas para a Pista de Xeo poderán adquirir talons de 10 entradas ao prezo de 60€ na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 608 920. 

CONCERTO DE NADAL DO CONSERVATORIO

 O xoves 20 de decembro ás 20:00 horas o Centro Cultural da Guarda será o escenario do Concerto de Nadal do Conservatorio no que se contará coas actuacións do Coro do Conservatorio, actuacións musicais dos alumnos de grao elemental, da Banda de Iniciación e da Agrupación Musical da Guarda. 

CONCERTO DE PANDERETEIRAS

 O venres 21 de decembro a partires das 20:30 horas o Centro Cultural da Guarda acollerá o Concerto de Nadal de Pandereteiras, unha cita coa música máis tradicional onde cada grupo tocará unha peza tradicional e unha panxoliña ou cantar de Reis. Contarase coas actuacións de grupos da Guarda como Carainas, Coiro Vello, Paliqueiras, Tambaluca, Pandereteiras do Lusco ó Fusco, Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa, Caramuxiñas e Arghaceiras do Muño. 

ANIMACIÓN MÚSICAL POLAS RÚAS DA VILA

 O sábado 22 de decembro a Charanga “Vaia Panda” será a encargada de animar e dinamizar as rúas da Guarda de 11:00 a 13:00 horas, momento en que moitos veciños aproveitan para facer as compras de Nadal. Tamén na xornada do 22 de decembro, ás 11:30 horas a Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle unha sesión de “Contos Contados” adicada ao Nadal, onde nenas, nenos e familias , contarán os tradicionais contos dos avós, ademais de participar nun obradoiro para decorar a árbore de Nadal da Biblioteca. 

CINEMA INFANTIL NO CENTRO CULTURAL

 Xa pola tarde, ás 17:30 horas dese sábado día 22, o Centro Cultural será o escenario da proxección de Cinema infantil “Coco”, a historia dun neno que quere ser músico. Será unha actividade enfocada a conciliación laboral que permitirá que os pais e nais teñan un tempo libre para facer compras na vila. 

CONCERTO DE PANXOLIÑAS

 O domingo 23 de decembro a Igrexa Parroquial acolle dende as 17:00 horas o tradicional Concerto de Panxoliñas no día previo á noite de Nadal, un evento musical que contará nesta edición coa actuación da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, o Grupo Antorcha, o Coro Infantil do Colexio PP. Somascos, o Coro Arpegios Cantábile e a Coral do Club da Terceira Idade. 

OBRADOIRO INFANTIL 

 O mércores 26 de decembro a Casa dos Alonso acolle o Obradoiro infantil “Decora o teu Concello” no que nenas e nenos da vila participarán na decoración de Nadal, nunha actividade de 2 horas de duración para un máximo 15 nenas e nenos. É preciso inscribirse previamente do 10 ao 19 de decembro no Centro Cultural.  

 O xoves 27 de decembro continúa a animación musical de rúa a cargo do grupo “Do Lusco ó Fusco” de 11:00 a 13:00 horas, unha maneira de dinamizar e incentivar as compras na vila, ademais contarase con chocolate quente de balde para todos os que visiten o Mercado da Praza de Abastos da localidade. 

SESIÓN DE TEATRO INFANTIL

 Xa pola tarde do xoves 27 de decembro ás 17:30 horas o Centro Cultural acolle a sesión de teatro “Tristán” a cargo da compañía Elegante Elefante. As entradas estarán dispoñibles dende o 17 de decembro no Centro Cultural. 

 “Tristán” é un espectáculo visual dirixido ao público infantil dos 3 aos 12 anos. Unha comedia xestual interpretada ao estilo dos debuxos animados onde as palabras se transforman en xestos e os personaxes falan nunha lingua inventada que é inmediatamente descifrada polo público e a música acompaña o ritmo dinámico da acción. 

BARFERENCIA SOBRE ÁS SALINAS GUARDESAS

 Tamén o xoves 27 de decembro a Cafetería Alameda acolle ás 20:30 horas a segunda Barferencia de Inverno 2018, onde contarase coa presenza de Brais Currás e Mar Cortegoso, que falarán sobre as Paisaxes de sal na Costa Atlántica, ámbolos dous participaron e coordinaron as escavacións arqueolóxicas realizadas recentemente nas Salinas do Seixal baixo o Proxecto “A Guarda, Mar de Sal”. 

TEATRO PARA ADULTOS

 O venres 28 de decembro ás 21:00 horas, o Centro Cultural da Guarda acolle a sesión “Route 66” de Teatro-Clown musical para adultos da Compañía Blues Grampas. Unha compañía de teatro en clave de clown musical composta por dous recoñecidos actores de longa traxectoria e experiencia no panorama escénico galego: Juanillo Esteban e Carlos Sante. É preciso á recollida previa de entradas dende o 17 de decembro no Centro Cultural da Guarda. 

 Para o sábado día 29 de decembro, a Charanga “Vaia Panda” será a encargada da amenización musical das rúas da vila entre as 11:00 e as 13:00 horas. 

VISITA DO APALPADOR NO CENTRO CULTURAL

 Tamén o sábado 29 de decembro ás 12:00 horas o Centro Cultural da Guarda será o escenario dunha visita moi especial para os nenos nesta tempada de Nadal, “O Apalpador”. Neste espectáculo, para público familiar a partires dos 3 anos, creado a partir da tradición popular, un carboeiro que se alimentaba únicamente dos froitos do seu castiñeiro e que as xentes chaman o apalpador, conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas as nenas e nenos que non teñen nada nas súas barriguiñas. 

 Para acceder a visita do Apalpador é necesaria á retirada previa de entradas dende o 17 de decembro no Centro Cultural. 

NOVO OBRADOIRO INFANTIL NA CASA DOS ALONSO

 Xa no mes de xaneiro o mércores día 2 a Casa dos Alonso acolle o obradoiro infantil “Decora a túa casa” no que nenas e nenos da vila aprenderán a realizar adornos de Nadal, nunha actividade de 2 horas de duración para un máximo 15 nenas e nenos. É preciso inscribirse previamente do 10 ao 19 de decembro no Centro Cultural.  

 Na xornada do xoves día 3 de xaneiro continúa a animación musical de rúa a cargo do grupo “Do Lusco ó Fusco” de 11:00 a 13:00 horas, visitando o Mercado da Praza de Abastos, que acolle este día unha chocolatada de balde. 

NOVA SESIÓN DE CINEMA INFANTIL

 O xoves 3 ás 17:30 horas o Centro Cultural acolle unha nova sesión de cinema infantil coa proxección de “Capitán Calzoncillos”, un filme para público infantil onde dous rapaces gozan facendo bromas e debuxando cómics na súa escola. Esta é unha nova actividade enfocada a conciliación laboral que permitirá que as nais e pais teñan un tempo libre para facer compras na vila. 

VISITA E CABALGATA DAS SÚAS MAXESTADES DE ORIENTE

 As Súas Maxestades de Oriente visitarán o venres 4 de decembro pola tarde aos nosos maiores na Residencia da Terceira Idade Monte Tecla. Estarán acompañados pola Charanga Vaia Panda e o Grupo Do Lusco ó Fusco, ademais de contar coa presenza do alcalde, da concelleira de Turismo e da concelleira de Servizos Sociais. 

 O sábado día 5 de xaneiro ás 18:00 horas terá lugar un dos actos máis importantes do Nadal na Guarda, a Cabalgata dos Reis Magos, con saída dende a Alameda da Guarda acompañados pola comitiva de paxes, 5 asociacións da vila e unha charanga que amenizará musicalmente este evento.

  Durante o percorrido repartirán caramelos e lambonadas dende as súas carrozas. 

 Os Reis Magos percorrerán a Rúa Rosalía de Castro e Rúa Galicia para terminar na Casa dos Alonso, onde recibirán as nenas e nenos entregando agasallos e lambonadas para todos. 

 Dende o Concello da Guarda se convida a participar e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario