31 de out. de 2018

OURENSE

CULTURA

O "Marcos Valcárcel" pon en valor as obras de arte en pequeno formato  

Coa exposición "Concentrados", que poderá visitarse desde hoxe ata o día 25 de novembro

Vista parcial da exposición colectiva "Concentrados"
Foto: D. OU.

Infogauda / Ourense

 Unha exposición no centro cultural "Marcos Valcárcel", baixo o título xenérico de "Concentrados", tenta por en valor os pequenos formatos como maneira de expresión artística tanto no mundo da pintura como da escultura.

 Na mostra atópase o primeiro cadro que se pendurou neste recinto cultural despois da súa rehabilitación, realizado por Cándido Fernández Mazas. Esta obra, titulada "Mozuela" e pintada nos anos 20 do pasado século, formaba xa parte dos fondos propios da Deputación. As demais obras fóronse incorporando ao fondo artístico provincial a través de mostras realizadas desde o ano 2000 ata agora no centro cultural.

 Entre os traballos que se poden ver está a obra máis pequena dos fondos artísticos da Deputación. É do ourensán Xesús Carballido, trátase dunha caixa de mistos intervida polo autor e que mide 8 x 8 centímetros.

 Artistas como Pablo Otero, Acisclo Novo ou Jorge Varela están representados nesta exposición, como Silverio Rivas, Cochorro, o italiano Renzo Bellanca ou o galego-catalán Luciano Couselo. Nito Contreras, Vítor Mejuto, Manolo Ebra, Andrade, Christian Villamide, José María Rielo e Manuel Bouzo completan a representación destes artistas que son capaces de emocionar coas súas creacións. Arte "concentrado" unicamente en tamaño.

 A mostra estará aberta ao público desde hoxe ate o día 25 de novembro

Ningún comentario:

Publicar un comentario