31 de out. de 2018

A GUARDA

«Manual de instrucións para educar»

Onte celebrouse a primeira charla da terceira edición deste ciclo 

O alcalde Antonio Lomba Baz, na súa intervención na primeira charla da terceira edición de «Manual de instrucións para educar»
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 Na tardiña do martes día 30 de outubro a Casa dos Alonso acolleu a primeira sesión da terceira edición de «Manual de instrucións para educar»unhas charlas informativas organizadas dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil e Educación Familiar co fin de aportar aos pais e nais as ferramentas necesarias para afrontar dun xeito positivo e correcto o proceso educativo dos seus fillos e fillas.  

Vista parcial das persoas que asistiron a primeira das charlas do ciclo de “Manual de instrucións para educar” 2018

 O ciclo de “Manual de instrucións para educar” 2018 está composto por 4 charlas. Despois desta primeira - “Educar con criterio” -, na que se tratou sobre os valores que queremos transmitir aos nosos fillos e como facelo, a segunda terá lugar o martes 13 de novembro. Nesa tratarase sobre «Límites na intimidade». A terceira será o 27 de novembro e leva por título «Diferentes pero felices» e a última o 11 de decembro tratará sobor do tema «Vivir con sentido».  

 Na vindeira charla do martes 13 de novembro "Límites na intimidade” falarase sobre o amplo porcentaxe de persoas que sofre abuso na infancia e das estatísticas actuais, que continúan a ser alarmantes. É moi importante como pais e nais estar preparados para previr que algo tan desagradable e con graves consecuencias lles ocorra aos nosos fillos e fillas.  

 A charla do martes 27 de novembro “Diferentes pero felices” fará referencia a cando un fillo ou filla non encaixa perfectamente no normativo, cando por algunha razón física ou psicolóxica é diferente. Resulta difícil para eles, xa que aínda que a todos nos gusta ser especiais nalgún sentido, é importante sentirse un máis, integrados e non excluídos, rexeitados e sobre todo inferiores. É todo un reto para as familias dar un apoio a estas nenas e nenos, dende a aceptación e a busca de todos os recursos necesarios para que sexan tratados con igualdade.   

 A charla do martes 11 de decembro ¨Vivir con sentido”, coa que se pecha este ciclo de charlas, tratará sobre a sociedade actual, onde o tema da morte tende a evitarse e sobre todo, cando a causa da mesma é porque un mesmo o ten decidido. O suicidio é unha das principais causas de morte, dando lugar a casos diarios, aínda que estes non se divulguen. Tamén hai casos de suicidio na infancia e máis frecuente na adolescencia. É vital que as nais e pais detecten os síntomas a tempo, axuden as fillas e fillos a afrontar os seus problemas e tamén xeren no fogar un clima que favoreza as gañas de vivir.  

 Todas as charlas realizaranse na Casa dos Alonso en horario de 19:30 a 21:00 horas, e contarase con servizo de canguro de balde. 

 Máis información na OMIX da Guarda e en Educación familiar nos teléfonos 986 610 000 e 986 614 507.

Ningún comentario:

Publicar un comentario