3 de maio de 2018

OURENSE

A Deputación de Ourense entrega o XXVIII Premio "Carracedo" á xornalista Nuria López polo seu traballo sobre o patrimonio dos Franco en Galicia

O acto, celebrado no Salón de Plenos da institución provincial no Día Internacional da Liberdade de Prensa, estivo presidido por Manuel Baltar e contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices e representantes institucionais, sociais e culturais.  

Baltar destacou a importancia de "reivindicar a liberdade de expresión e a ética na profesión xornalística", subliñando que o xornalismo "debe ser o primeiro interesado na limpeza das palabras, e por iso lembramos a Xosé Aurelio Carracedo, escribindo con letras maiúsculas verbas como "compromiso" e "vocación".  

Nuria López agradeceu o galardón e dixo sentirse leda por recibir este premio que leva o nome de Xosé Aurelio Carracedo, "un xornalista moi respectado e querido, e proba diso e que trinta anos despois do seu pasamento todo o mundo o segue lembrando e botando de menos".

A xornalista Nuria López Presedo recibiu esta mañá de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o XXVIII Premio de Xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", na súa edición 2018
Foto: D. OU.

Infogauda / Ourense

 A xornalista Nuria López Presedo recibiu esta mañá de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o XXVIII Premio de Xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", na súa edición 2018, dotado con 3.000 euros e diploma, un certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade. O acto, celebrado no Salón de Plenos da Deputación, contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; do subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; da delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, e de deputados provinciais, autonómicos e nacionais, así como membros do xurado e representantes dos ámbitos xornalístico, cultural e social.  

 No acto participou Clara Carracedo, irmá de Xosé Aurelio, quen expresou o agradecemento da familia á Deputación de Ourense por seguir mantendo viva coa convocatoria deste premio a lembranza de Xosé Aurelio "como persoa e xornalista", unha figura –o Carracedo xornalista- que o presidente da Deputación de Ourense destacou no seu discurso de peche reivindicando "a liberdade de expresión e a ética na profesión xornalística", e subliñando que o xornalismo "debe ser o primeiro interesado na limpeza das palabras, e por iso lembramos a Xosé Aurelio Carracedo, escribindo con letras maiúsculas verbas como "compromiso" e "vocación", expresou Manuel Baltar.  

 O xurado ditaminou conceder o galardón a Nuria López pola serie de reportaxes radiofónicas, emitidas na Radio Galega, sobre o patrimonio dos Franco en Galicia, destacando "a calidade do seu xornalismo de investigación, que afonda na temática cultural desde o punto de vista do patrimonio", e resaltou do traballo premiado a actualidade do tema, "o cal permite tomar conciencia ao respecto do noso patrimonio, reforzando a identidade galega", facendo constar asemade "a estrutura narrativa das reportaxes, o enfoque dado á problemática e o labor de documentación".  

 O presidente do goberno provincial afirmou que neste día "celebramos os principios fundamentais da liberdade de prensa avaliando a súa realidade, defendendo aos medios de comunicación dos ataques á súa independencia e rendendo homenaxe aos xornalista que perderon a súa vida no exercicio da súa profesión", e citou a Mark Thompson, director executivo do New York Times cando afirma: "O risco moral máis serio que afronta o xornalista quizais sexa a "acidia", a pareza, o defecto da desgana, da desconexión co significado real das palabras ou as accións". Manuel Baltar dixo que "non podemos contentarnos coa sentencia de Phil Graham, célebre editor do Washington Post, cando cualificaba ao xornalismo como "un primeiro borrador da Historia". Temos que ser iguais de autoesixentes en todas as profesións e actividades, como o debemos ser en canto membros dunha comunidade, na consecución dos obxectivos marcados. E a busca da verdade é un reto irrenunciable". 

 En referencia á galardoada, Manuel Baltar felicitou ao xurado "por premiar a unha persoa –Nuria López- que co seu traballo aporta, constrúe e entrega por e para a sociedade á que todos aspiramos a servir", e rematou o presidente provincial citando as verbas de Antonio Guterres, secretario xeral da ONU, cando fai un chamamento aos gobernos "para que impulsen a liberdade de prensa e protexan aos xornalistas, porque promover unha prensa libre é defender o noso dereito á verdade".  

 Pola súa banda, Nuria López dixo sentirse leda por recibir o premio que leva o nome de Xosé Aurelio Carracedo, "un xornalista moi respectado e moi querido, e proba diso é que trinta anos despois do seu pasamento todo o mundo o segue lembrándoo e botándoo de menos". Ademais, amosou a súa ledicia pola satisfacción persoal que supón este recoñecemento e tamén, dixo, "porque se premia un traballo de radio -nesta época da espectacularidade da imaxe-, no que as únicas ferramentas son a palabra, a música e a voz" e, asemade, porque se recoñece un traballo "que aborda un tema un tanto controvertido como é o da recuperación da memoria histórica". Nuria López apelou "neste Día da Liberdade de Prensa, a necesidade de seguir construíndo entre todos medios públicos de comunicación plurais, independentes, valentes, que aborden en profundidade e sen complexos os problemas que realmente lles interesan aos galegos, os que están máis preto de nós". 

 Nuria López Presedo é licenciada en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa na Radio Galega desde 1997, onde na actualidade é redactora do informativo Crónica das Dúas e do programa de reportaxes Panorámica, ademais de realizar colaboracións no Diario Cultural, no Convivir e no programa Un país mundial. Anteriormente desenvolveu o seu labor profesional en Radio Nacional de España, en Radiovoz, e colaborou en diferentes medios de comunicación de prensa e radio. Ten publicados os libros Os cadernos dun prisioneiro de guerra (2003), Rande, mito e realidade (2002) e Ángel Johán, retrato dun artista (2001). Foi galardoada en 2001 co XV Premio Literario "Ánxel Fole".

Ningún comentario:

Publicar un comentario