23 de abr. de 2018

CULTURA

Os Bolechas apoian a candidatura Cíes-Illas Atlánticas Patrimonio da Humanidade   

• Os irmáns Bolechas, acompañados por 150 escolares e autoridades do Goberno galego, presentaron nas illas Cíes a guía Os Bolechas van ás Illas Atlánticas   

• Ademais dunha divertida aventura nas Cíes, a nova guía de Pepe Carreiro inclúe actividades para traballar sobre as illas e pictogramas para facer a información máis accesible    

O motivo da visita era triplo, segundo explicou o conselleiro: celebrar o Día do Libro, promocionar a candidatura a Patrimonio da Humanidade e celebrar o Ano europeo do Patrimonio Cultural que este mesmo mes de abril a Xunta dedica precisamente a este Parque Nacional

Infogauda / Vigo

 Os Bolechas visitaron hoxe as illas Cíes acompañados por máis de 150 estudantes de catro centros escolares de Bueu, Vigo, Ribeira e Vilagarcía de Arousa para participar na actividade de dinamización lingüística e medioambiental Os Bolechas van ás Illas Atlánticas, no marco das accións de promoción da candidatura Cíes-Illas Atlánticas Patrimonio da Unesco impulsada pola Xunta e da celebración do Día Mundial do Libro.  


 Xunto cos escolares e os Bolechas, participaron na xornada diversas autoridades autonómicas e municipais, como o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e representantes municipais de Concellos aos que pertence o Parque. O motivo da visita era triplo, segundo explicou o conselleiro: celebrar o Día do Libro, promocionar a candidatura a Patrimonio da Humanidade e celebrar o Ano europeo do Patrimonio Cultural que este mesmo mes de abril a Xunta dedica precisamente a este Parque Nacional. 

 Román Rodríguez subliñou a importancia de actividades coma esta para fomentar entre os máis novos o coñecemento da riqueza cultural, paisaxística e medioambiental que os rodea; e a necesidade de coidala e preservala para as xeracións vindeiras. 

 A comitiva partiu do porto de Vigo arredor das 10.45 h en dirección ás illas Cíes. Xunto coas autoridades e Os Bolechas corpóreos ían os escolares dos colexios CEIP Ría de Vigo, CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu, CEIP Heroínas de Sálvora de Ribeira e CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa. Tras desembarcar os escolares recibiron cadanseu libro coa historia dos Bolechas dando a coñecer o Parque Nacional das Illas Atlánticas.  

Orgullo e implicación de toda a sociedade 

 A Consellería de Cultura quere que esta guía dos Bolechas sirva para implicar a “todo o conxunto da sociedade, pero moi especialmente das novas xeracións, na defensa e revitalización dos tesouros que herdamos dos nosos antepasados, sexan paisaxe, medio natural, arquitectura, festas, ou a propia lingua”. Do mesmo xeito, o Goberno galego agarda que o recoñecemento das Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade permita que a sociedade galega comparta co resto do mundo este tesouro que hoxe coñeceron in situ os escolares que participaron nas diversas actividades organizadas na illa co fin de afondar na riqueza natural que describe a guía e, ao igual que fan os populares personaxes no conto, gozar dunha fantástica aventura nas Cíes. 

A guía Os Bolechas van ás Illas Atlánticas 

 A aventura do novo libro dos Bolechas comeza no porto de Vigo, onde os irmáns embarcan, xunto á súa mestra Clara e aos compañeiros e compañeiras da escola, para iren de excursión ás Cíes. Falta Tatá, que queda cos pais porque aínda é moi pequeno, e Chispa, porque no Parque Natural das Illas Atlánticas, só poden entrar os cans guía. Tras a viaxe en barco, na que ven un golfiño saltar diante deles, desembarcan na illa de Monteagudo e diríxense á do Faro, dúas das tres illas que forman as Cíes. Polo camiño van debuxando os animais e as plantas que ven… e buscando un príncipe encantado.   


 O libro, que inclúe pictogramas para facilitar a lectura da cativada con máis dificultades ou de menor idade, remata cunha pequena unidade didáctica destinada a fixar o aprendido e unha serie de recomendacións para andar polo parque. Unha boa forma de coñecer as Cíes e mesmo de preparar unha visita inesquecible a este privilexiado lugar da nosa comunidade.   

 Os Bolechas para aprender e divertirse  

 Desde que comezaron a publicarse no ano 2000 Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 550 títulos publicados e máis de 1.700.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.  

 Este seguimento masivo e continuo durante máis de 17 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario