24 de abr. de 2018

A GUARDA

O Concello e as Comunidades de Montes acordan a creación de dous parques forestais no Monte Santa Trega

O convenio lévase a cabo ao abeiro das subvencións da Deputación de Pontevedra para a mellora dos montes

O alcalde Antonio Lomba Baz - no centro da imaxe - con José Fernando Martínez Martínez e Manuel Castro Vicente, presidentes das Comunidades de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos e A Guarda, respectivamente, asinando os convenios de colaboración
Foto: Sara Alonso

Sara Alonso / A Guarda 

  O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, recibiu esta mañá ao presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMMVVMC) da Guarda, Manuel Castro Vicente, e ao presidente da CMMVVMC de Camposancos, José Fernando Martínez Martínez, para asinar senllos convenios de colaboración para a creación de dous parques forestais no Monte Santa Trega.   

 O acordo responde a unha iniciativa da Deputación de Pontevedra orientada a emprender accións que promovan a mellora e posta en valor dos montes da provincia, con dúas liñas de axuda destinadas aos concellos para a creación de parques forestais.   

 O Concello da Guarda, a través do Padroado Municipal do Monte Santa Trega, aportará 3.000,00 € a cada un dos proxectos das Comunidades de Montes, namentres a institución provincial achegará ata un máximo do 70% do seu custo. 

 O proxecto para a creación dun parque forestal na Comunidade de Montes de Camposancos ten un orzamento total aproximado de 24.250,00 €, namentres o investimento na actuación CMMVVMC da Guarda estimase en 37.200,00€. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario