21 de mar. de 2018

A GUARDA

Xa está aberto o prazo para solicitar a participación no plan «Depotermal 2018» 

O prazo para solicitar prazas estará aberto ata o 18 de abril


Sara Alonso / A Guarda

 O departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda informa de que o prazo para solicitar prazas para a participación no Plan Termal «Depotermal 2018», organizado pola Deputación de Pontevedra, estará aberto ata o 18 de abril. 

 O plan inclúe dous programas, un deles orientados á estadía durante cinco días consecutivos (tardes ou mañás de luns a venres) nun balneario da provincia e, por outra banda, un programa termal con pernoctación.  

 A súa finalidade é fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas establecendo novas relacións sociais, favorecendo a participación en actividades que melloran o estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, e promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poden levar á vulnerabilidade.  

 Destinatarios e requisitos  

 Poderán beneficiarse do plan termal as persoas que non padezan ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade proposta e cumpran algún  dos seguintes requisitos:  

· Nacer antes de 1968. deberá acreditar cunha fotocopia do DNI ou o NIE, segundo o caso.  

· Ser pensionista. Neste caso, deberán achegar unha fotocopia do certificado correspondente. 

· Precisar dun respiro, o que se acreditará mediante un informe do traballador social dos Servizos Sociais comunitarios básicos. 

 As persoas interesadas poderán atopar toda a información (incluídas as bases da convocatoria, establecementos adheridos e prezos) na páxina web da Deputación de Pontevedra. Para realizar a inscrición, deberán achegarse ao departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario