24 de feb. de 2018

A GUARDA

XI Gala do Deporte: Máis de 30 premios para celebrar a «boa saúde» do deporte na vila  

O xornalista Terio Carrera dirixiu o evento, no que se premiaron a máis de 30 persoas pola súa contribución ao deporte local no ámbito do judo, a natación, o balonmán, o hockey, a petanca, o atletismo, o fútbol, o ciclismo e o remo.  

Alcalde, concelleiros e presentador cos deportistas premiados na XI Gala do Deporte guardés
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O Centro Cultural encheuse onte para celebrar os logros e méritos acadados durante o pasado ano polos deportistas, os clubs e as entidades deportivas do municipio, na XI Gala do Deporte guardés.   

 A gala comezou coa reproducción dunha montaxe audiovisual coa que o público reviviu a emoción que, en maio de 2017, alagou o pavillón da Sangriña tras a victoria do Mecalia Atlético Guardés na Liga Loterías. Esta é, segundo relatou  o presentador, Terio Carrera,unha mostra da «boa saúde da que goza o deporte na Guarda».  

Estela Doiro, capitana do Mecalia Atlético Guardés, vixente campión da Liga DHF de balonmán feminino, tempada 2016/2017, recibiu un agasallo de máns do alcalde de A Guarda, en presenza do xornalista e presentador do evento Terio Carrera

 A actriz Beatriz Campos tamén participu no evento, amadriñado pola xogadora e capitana do Atlético Guardés, Estela Doiro, cun monólogo humorístico centrado nas súas propias habilidades deportivas e nos mitos que rodean ao popular presentador da gala.  

 Atletismo e hockey 

 A entrega de premios incluíu o recoñecemento aos atletas guardeses máis detacados, da man do presidente do Club de Tenis Codesal, Javier del Amo. Así, animouse a subir ao escenario ao «home máis rápido da Guarda», o velocista Sergio Rodríguez Teixeira, que ven de conseguir o seu duodécimo título de Campión Galego Absoluto; a atleta Elsa Pena Vicente, aínda cun nocello mancado tras a victoria acadada fai uns días no Campionado Galego; os veteranos atletas Antonio Pena Lomba e Manuel Flores Cerqueira, campions galegos nas súas respectivas categorías; e os irmáns Álex e Cristian Sierpes Pereira, novos atletas que acumulan xa numerosos recoñecementos e veñen de compartir podio no XXIX Campionato Galego de Marcha en Ruta.   

Os atletas veteranos e os máis novos, tiveron seu recoñecemento á magnífica labor que están desenvolvendo

 O equipo de atletismo do Club San Xerome, composto por Luis Antonio Sandez García, Borja Cadilla Lomba e Armando Verde Moreira, recibiu tamén un merecido recoñecemento, grazas ao bronce acadado polos tres deportistas no Campionato de España de campo a través en 2017.   

 Os xogadores do equipo A Guarda Hockey Liña, Sheila Silva, Pablo Castro, Claudia Rial e Lucas Moreira Lomba, recibiron un premio da man do xefe de servizo provincial de Deportes, Daniel Benavides, pola súa recente convocatoria na Selección Galega de Hockey Liña. A nai de Lucas Moreira foi a encargada de recoller o premio do xogador, ausente na gala por mor doutros compromisos deportivos.   

 Ciclismo, judo e remo 

 Mª Concepción Ortega Martínez, membro da Corporación Municipal, foi a encargada de entregar os recoñecementos ás judocas Tecla Cadilla Acevedo (ausente na gala), actual campioa da Supercopa de España na categoría -57 kg; e Verónica Pérez, subcampioa de España infantil en -44 kg; e o tamén judoca Brais Pereira, medalla de prata na Copa de España Júnior na categoría -81 kg. A eles uníronse a recoñecida ciclista de ciclocross Montserrat Martínez e o tamén ciclista Aser Estévez, gañador autonómico no ránking de carretera en categoría Élite.   

 O remeiro Damián Alonso Alonso, que ven de gañar dous ouros e un bronce no Campionato do Mundo de Remo Indoor, recolleu un merecido premio polo éxito europeo acadado o pasado ano da man de Jorge Pazos, ao igual que os remeiros de San Xerome-Robaleira, Jaime Álvarez e Rosa Álvarez, campions ambos de remoergómetro adaptado a nivel nacional. Igualmente, recoñeceuse o traballo do remeiro Rodrigo Conde, actual subcampión de España de remoergómetro,  e o veterano Jesús González, bronce no Campionato de España de remoergómetro, malia que ambos desculparon a súa ausencia por cuestións de axenda.   

 Impulsores do deporte local 

 A gala tamén agradeceu o labor de persoas que, como Serafín González, contribuíron co seu labor á promoción do deporte na vila. Así, a concelleira Teresa Vicente entregou ao exdirectivo do Club de Remo Robaleira un agasallo co que se recoñeceu a súa traxectoria ao fronte da entidade ata o 2017. De igual xeito, Andrés Mirás subiu ao escenario para recibir un recoñecemento polo seu labor como impulsor da petanca na vila, un deporte que gaña adeptos e conta na actualidade con catro novas pistas para a súa práctica no antigo campo de fútbol do Codesal.   

 Nesta mesma liña, Valentín Carrero e José Ignacio del Pozo (este último ausente), recibiron un agasallo en agradecemento por retomar a andaina do equipo Gimnástico Deportivo Miño dende o ano 1997 ata o 2017; e a Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) tamén participou no evento en calidade de premiado, polo seu apoio ao deporte local a través do patrocinio ao Club de Balonmán Atlético Guardés. Joaquín Cadilla, en representación da organización, foi o encargado de recoller o galardón, entregado polaconcelleira guardesa e deputada provincial, Montserrat Magallanes.    

 Natación e Balonmán 

 A natación tamén tivo cabida no evento deportivo, co recoñecemento aos éxitos a nivel autonómico acadados pola nadadora guardesa Rosalía Soler. Deseguido, recoñeceuse os logros no ámbito do balonmán, co Atlético guardés como gran protagonista. Así, en primeiro lugar, dedicouse unha caloroso recoñecemento á madriña do evento e, xunto a ela, premiouse á cadete do Atlético Guardés e xogadora da selección galega, Ithaisa Trigo; «o presente e o futuro no balonmán», referiu Terio Carrera. 
  
 Finalizando a gala, sumáronse á celebración no escenario a xogadora Ana Cerqueira, o presidente José Manuel Silva Vicente e o membro da directiva, Juan Rodríguez Pérez, que recibiron un galardón en representación do Club de Balonmán Mecalia Atlético Guardés, gran símbolo do éxito e o deporte na vila.   

 O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, quixo pechar esta undécima Gala do Deporte dando á benvida ás novas entidades e asociacións deportivas de baloncesto, petanca e volei praia, que veñen de crearse na Guarda. Así mesmo, o rexedor local anunciou a creación de novas instalacións deportivas, tales como un ‘training box’ e unha nova pista de skate, coas que se contribuirá á práctica destes deportes.

1 comentario:

  1. Temos un alcalde moi preocupado de sair nas fotos cos nosos deportistas... pero non ye preocupa o mais mínimo que o Mecalia non teña un pabellón decente onde poder entrenar, nin consigue un duro pra os campions de remo ergómetro... etc etc.... Temos grandes campeóns na Guarda pero o concello non os apoya nada, todo yo teñen que facer eles. Sair nas fotos non é o importante señor alcalde , o importante é mollar o cú por eles, pero vostede iso non sabe o que é. Nin se preocupa do pobo nin da sua xente, solo está ahí pra cobrar.

    ResponderEliminar