11 de xan. de 2018

TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

VISITA INSTITUCIONAL A TOMIÑO E CERVEIRA PARA ESCOLLER AS MELLORES PROPOSTAS DA PONTE PEONIL QUE UNIRÁ AMBAS BEIRAS DO MIÑO 

O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez cualificou de “moi positiva” a reunión do comité técnico asesor celebrada hoxe, na que se analizaron os problemas e virtudes dos 24 deseños 

Uxío Benítez presidiu hoxe a que foi a primeira reunión de traballo celebrada na Deputación de Pontevedra, e na que se analizaron as 24 propostas admitidas no concurso de ideas
Foto: D. P.  

Tomiño / Vila Nova de Cerveira

 O xurado cualificador e o comité técnico asesor do concurso de ideas para a nova ponte peonil entre Tomiño e Vilanova de Cerveira visitará o venres día 19 de xaneiro ‘in situ’ o treito do río no que se instalará o futuro viaduto. Así o manifestou hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez na que foi a primeira reunión de traballo celebrada na Deputación de Pontevedra, e na que se analizaron as 24 propostas admitidas no concurso de ideas.   

 A intención da visita, segundo Benítez, é que todos os membros do xurado e do comité de asesores poidan coñecer en persoa o espazo natural e patrimonial no que se integrará a ponte se aínda non o visitaran persoalmente con anterioridade. O encontro está organizado polo Concello de Tomiño e a Câmara de Vila Nova de Cerveira, e incluirá o cruce en barco da canle do río para dispoñer de todas as perspectivas posibles de cada unha das propostas.  

 Os membros do xurado e do comité técnico asesor celebraron hoxe a súa primeira reunión de traballo, na que se analizaron os problemas e virtudes dos 24 deseños presentados tendo en conta cuestións de mobilidade, medio ambiente, patrimonio e navegabilidade, entre outras, ademais de valorar a súa executabilidade na realidade. Neste sentido, o xurado terá que seguir a traballar de xeito particular e analizar individualmente cada proposta. Será na seguinte reunión oficial, o 1 de febreiro, cando se poñan todas as aportacións individuais en común, se pase a puntuar de xeito oficial cada proposta, e se faga unha criba que finalizará coas tres ideas gañadoras e unha en reserva. 

 No xurado, conformado de xeito internacional, hai representatividade das escolas técnicas, colexios oficiais e administracións con competencias e intereses na ponte de ambos lados do río. No día de hoxereuníronse representantes da Deputación; dos dous concellos afectados; do Colexio de Arquitectos de Galicia; do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canais; da Ordem dos Engenheiros; da Ordem dos Arquitectos, así como da Dirección Xeral de Patrimonio Natural; da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; e da Capitanía do Porto de Caminha; entre outros. Todos eles terán que facer aportacións e suxestións particulares en función de competencias, para facilitar despois, no momento da consecución de permisos, a tramitación e autorización da obra. 

 Como xa se anunciara, os deseños presentados polos aspirantes son moi diferentes entre si: hai estruturas atirantadas, pontes colgantes, taboleiros simples instalados en pilares sobre o río, percorridos redondeados, rectos ou en zig-zag, de todo tipo de materiais, e cun obxectivo común: todos eles conforman miradoiros para gozar da paisaxe.  

 A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada no proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A, nunha candidatura conxunta liderada pola Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo.Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75% de fondos FEDER no marco da referida convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V A, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros, cunha achega da Unión Europea que ascende a 1.500.000 euros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario