30 de dec. de 2017

CULTURA

Pontevedra acollerá o acto central do Día das Letras Galegas 2018

Pontevedra acollerá a celebración do Día das Letras Galegas do ano 2018, dedicado a María Victoria Moreno Márquez. Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade, e Carmen Fouces, concelleira de Cultura, recibiron onte a executiva da Real Academia Galega para establecer o primeiro marco das conmemoracións, que se centrarán no acto académico que terá lugar no Teatro Principal o próximo 17 de maio e en actividades diversas arredor da literatura infantil e xuvenil, o mundo dos lectores novos, onde a homenaxeada destacou de xeito sobranceiro.

Pola esquerda, Henrique Monteagudo, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Fernández Lores, Víctor F. Freixanes e Carmen Fouces. 
Fonte: Concello de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

  "Pontevedra será a capital da cultura e das letras galegas durante todo o ano", salientou tras o encontro o presidente da RAG. Víctor F. Freixanes agradeceu a receptividade atopada na cidade de cara á celebración do vindeiro 17 de maio e recoñeceu que a implicación das administracións que están máis preto da cidadanía é "garantía de éxito". Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores subliñou que Pontevedra está "encantada" de acoller o acto central do Día das Letras Galegas e avanzou que participará na organización de eventos ao longo de todo o ano nos que se recordará o legado de María Victoria Moreno. Entre os eventos previstos, o rexedor destacou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, no que a escritora sempre participaba. Na edición de 2018 a súa temática será "Mulleres de conto" e servirá, engádese desde o Concello de Pontevedra, como porta de entrada ao grande acto institucional do 17 de maio.  

 Por parte da RAG, xunto ao presidente tamén acudiron á xuntanza o secretario, Henrique Monteagudo, e a tesoureira, Marilar Aleixandre, esta última autora de obras significativas no xénero da literatura infantil e xuvenil (LIX). "María Victoria é unha pontevedresa máis", subliñou a académica, que xunto coa tamén membro da RAG Fina Casalderrey prepara unha biografía de María Victoria Moreno. "Naceu en Estremadura por un casual, viviu en distintas cidades de España e de Galicia, pero onde máis desenvolveu as súas actividades como docente e como escritora, activista da lingua e da cultura nosa, foi na cidade de Pontevedra, á que dedicou algúns textos moi sentidos e fermosos", expresou Marilar Aleixandre.  

 Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da RAG insistiron de igual xeito nos valores creativos e docentes da escritora e, a maiores, no feito de ser unha muller, porque "María Victoria encarna unha realidade obxectiva: a presenza cada vez máis relevante das mulleres na vida cultural e social galega", valorou o alcalde. Nesta mesma liña, Víctor F. Freixanes fixo referencia ás últimas incorporacións de académicas á RAG e á presenza da mulleres no equipo directivo da institución. "No ámbito específico das letras, a irrupción da muller na literatura das últimas décadas é un dos feitos máis felices e sobresaíntes", declarou.  

 O ano 2018 será o Ano María Victoria Moreno, escritora, ensinante, activista a prol da lingua e a cultura nosa mesmo sen ter nacido na terra, por decisión e convicción, ademais dun recoñecemento á presenza feminina no mundo cultural e literario dos últimos tempos. E Pontevedra será nos próximos doce meses a capital das letras. 

Fonte: RAG

Ningún comentario:

Publicar un comentario