14 de nov. de 2017

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aprobará no Pleno unha modificación dos orzamentos por valor de 13 millóns de euros destinados aos concellos da provincia 

Carmela Silva sinalou que "por unha banda contamos cun crédito extraordinario de 8,4 millóns, o 76% deles destinados aos concellos de menos de 20.000 habitantes"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo vicepresidente, César Mosquera, anunciou hoxe en rolda de prensa que no vindeiro Pleno da institución provincial, que se vai celebrar o 24 de novembro, "imos aprobar unha modificación dos orzamentos de 2017 que ascende a un total de 12,8 millóns de euros", sinalou Carmela Silva, "que nos van permitir seguir cumprindo todos os compromisos adquiridos".  

 A presidenta sinalou que estes preto de 13 millóns de euros proceden, "por unha banda, dun expediente de crédito extraordinario que se eleva a 8,4 millóns de euros e que estará destinado nun 76% aos concellos de menos de 20.000 habitantes para actuacións de mellora en equipamentos e infraestruturas, o denominado Plan de Reequilibrio, cunha achega xa este ano 2017 de seis millóns de euros". Tamén dentro destes 8,4 millóns de euros, "cun investimento de 300.000 euros, as axudas para a redacción de programas de mobilidade local, que a semana pasada presentamos no Pleno ante o conxunto dos concellos", asegurou Carmela Silva, así como "máis de dous millóns de euros para financiar obras incluídas no protocolo co concello de Pontevedra para o acceso a Montecelo e ao Centro Príncipe Felipe", informou a presidenta da institución provincial. 

 Ademais, "pola outra banda, tamén levaremos un suplemento de crédito a diferentes partidas que ascende a 4,4 millóns de euros", sinalou Carmela Silva, dos que "quero subliñar que imos dedicar o 90,4% aos concellos" e, polo tanto, "millóns de euros en achegas, de novo, aos concellos da provincia". A presidenta da Deputación de Pontevedra explicou que "estes 4,4 millóns vanse dedicar ás áreas de Emprego, Cooperación, Medio Ambiente e Mobilidade".  

 Así, na área de Emprego, "investiremos no co-financiamento dos programas ‘Depo Espazos', ‘DepoEmprende', ‘DepoIntegra Xove', ‘Millenials' e ‘Practicum Depo' da Unión Europea que co-financiamos entre o 10%, o 15% e o 20% cun importe total de 280.000 euros", sinalou Carmela Silva. Na área de Cooperación, "358.433 euros para o co-financiamento de dous proxectos europeos, o ‘ESTRAEE' (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos) e o ‘IN 4.0' (innovación na industria naval)", avanzou a Presidenta. Na área de Medio Ambiente, "dedicaremos 75.000 € para un convenio coa Universidade de Vigo que permitirá dar cumprimento ao noso obxectivo de avanzar cara a unha nova política forestal, e destinaremos outros 81.993 € para a mellora dos montes", sinalou Carmela Silva. Por último, asegurou a Presidenta provincial, "nestes 4,4 millóns tamén se inclúen 3.440.928 euros destinados a convenios para as nosas estradas", na área de Mobilidade.  

 Carmela Silva concluíu que se trata de "recursos para cumprir cos nosos compromisos: os que teñen que ver cunha nova política forestal, para a promoción do emprego e da economía na provincia ou os que teñen que ver coa mobilidade nas estradas, que é unha das nosas grandes prioridades e que neste momento vai como un reactor". Así, a presidenta asegurou que "todo o financiamento para os nosos proxectos de mobilidade do século XXI, que pretenden construír unha provincia que sexa unha referencia, xa nos están a permitir selo".  

 En canto á política forestal, Carmela Silva lembrou que "a semana pasada xa avanzamos a modificación do ‘Plan Concellos 2017' para que os concellos da provincia que sufriron os danos dos lumes puideran ter á súa disposición recursos cos que facer fronte aos danos que padeceron. Hoxe, unha semana despois, volvemos anunciar que cumprimos os nosos obxectivos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario