28 de set. de 2017

TURISMO

O Parque Nacional das Illas Atlánticas e Baiona, galardoados entre os mellores destinos turísticos sustentables do mundo 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, recolleron hoxe en Portugal este recoñecemento que pon en valor a aposta da Xunta de Galicia no desenvolvemento dun turismo responsable 

O galardón foi outorgado por un equipo formado por máis de 60 expertos pertencentes á organización internacional Green Destinations 

Dunas e praia de Rodas, nas Illas Cíes
Foto: Infogauda

Infogauda / Cascais (Portugal)

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, recolleron hoxe os galardóns que recoñecen á localidade de Baiona e ao Parque Nacional das Illas Atlánticas entre os 100 mellores destinos turísticos sustentables do mundo. Un premio outorgado pola organización internacional Green Destinations e que valora, así, a decidida aposta da Xunta de Galicia polo desenvolvemento dun modelo turístico responsable.
 Durante a entrega de premios, que tivo lugar na localidade portuguesa de Cascais, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou o excelente traballo levado a cabo pola localidade de Baiona, que puxo como “un perfecto exemplo do que Galicia é e quere ser no camiño por un turismo de calidade e sustentable”.
 Neste sentido, referiuse ás áreas naturais e mariñas protexidas desta localidade pontevedresa, que son parte da Rede Natura 2000, e tamén se referiu á aposta de Baiona por un turismo de calidade apoiando a certificación dos negocios turísticos locais. Unha maneira de traballar, dixo, “que se aliña coa levada a cabo desde a Xunta de Galicia, onde cremos nos beneficios da actividade turística cando se realiza de maneira ordenada e planificada, en colaboración co sector”, indicou.
 Facendo referencia á folla de ruta do turismo galego para os vindeiros anos, a Estratexia do turismo de Galicia 2020, Nava Castro salientou o compromiso da Administración autonómica recollido neste documento, que está a dar xa os seus primeiros froitos para consolidar Galicia como referente do turismo tranquilo, algo que se consegue, indicou, “con medidas que impulsen o uso turístico sustentable da paisaxe, a través do ecoturismo, recuperando e mantendo núcleos singulares ou impulsando a sustentabilidade das infraestruturas turísticas, entre outras medidas nas que traballamos”, explicou.

 Posta en valor do patrimonio

 Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, agradeceu o galardón co que a organización internacional Green Destinations “quere recoñecer o esforzo e o compromiso, neste caso, da Xunta de Galicia pola promoción dun turismo sustentable, que permite compatibilizar a protección dos valores naturais e a divulgación e o coñecemento, como un dos instrumentos indispensables para lograr o recoñecemento e a implicación de toda a sociedade na preservación da nosa riqueza natural”.
 Neste senso, a responsable do departamento autonómico recordou que o Parque Nacional das Illas Atlánticas entra na clasificación mundial dos 100 destinos de turismo sustentable, “porque cumpre cos 15 criterios establecidos pola organización para poder optar a esta distinción, que pasan polo desenvolvemento de políticas de protección e posta en valor do patrimonio natural, cultural, paisaxístico, etnográfico; así como a conservación e recuperación dos ecosistemas, a xestión ambiental, a seguridade e a integración de persoas con discapacidades psíquicas e físicas, mediante a organización de actividades de voluntariado ambiental e, por suposto, a accesibilidade”.
 O Parque Nacional das Illas Atlánticas e a localidade de Baiona alcanzan este recoñecemento tras unha selección, por parte dun equipo formado por máis de 60 expertos, entre 155 propostas presentadas desde 57 países do mundo. Así, pois, este grupo de expertos valorou a xestión destes espazos desde o punto de vista responsable e sustentable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario