28 de set. de 2017

PONTEVEDRA

A II Xornada de onomástica galega aborda os aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e dos apelidos 

O programa desenvolverase este sábado, 30 de setembro, no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra coa colaboración da Deputación de Pontevedra. A entrada é libre


Infogauda / Pontevedra 

 A onomástica persoal centrará este sábado, 30 de setembro, en Pontevedra a II Xornada de onomástica galega, baixo o título Os nomes e apelidos: aspectos legais sociais e lingüísticos. A Real Academia Galega organiza o programa, coordinado polas académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez, coa colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, que acollerá as sesións no Edificio Sexto. A entrada é libre.  

 Os procedementos para restituír os nomes e apelidos deturpados, a continuidade e variación na transmisión dalgúns apelidos galegos, os criterios para a restitución das formas normalizadas ou a normalización da antroponimia desde os centros educativos son algunhas das cuestións que abordarán as persoas convidadas das tres primeiras sesións, procedentes do mundo xudicial, a filoloxía, a normalización lingüística e o ensino.  

 O programa arrincará ás 10 da mañá coa sesión titulada "Aspectos legais: a onomástica persoal no Rexistro Civil e os procedementos para restituír a forma estandarizada. Datos, problemas e solucións", a cargo da avogada do Estado Consuelo Castro Rei e da maxistrada do xulgado nº1 de Caldas Encarna Dasi Dorelle.  

 Os aspectos lingüísticos serán abordados a partir das 12 horas por Ana Boullón e Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente. A coordinadora da xornada falará do proxecto do Dicionario dos apelidos galegos e a restitución das formas galegas, con propostas para o seu tratamento, e Gonzalo Navaza, da continuidade e da variación na transmisión dalgúns apelidos.  

 O programa retomarase pola tarde coas achegas de Anxos Sobriño, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e Valentina Formoso, profesora do IES Félix Muriel de Rianxo, que se centrarán en estratexias para a difusión social das formas estandarizadas. Anxos Sobriño presentará unha proposta de campaña desde a Administración de xustiza para recuperarmos a nosa onomástica e Valentina Formoso dedicará a súa intervención ao traballo de normalización da antroponimia desde os centros educativos.  

 A xornada concluirá cunha mesa redonda sobre os nomes propios  na ficción literaria e audiovisual, moderada pola xornalista Marga Pazos, que contará co novelista e académico correspondente Xosé María Lema e os guionistas Xosé Castro Pato e Araceli Gonda. 

Outras colaboracións coa Deputación de Pontevedra  
 Como na edición anterior, a RAG organiza a II Xornada de onomástica galega co apoio da Deputación de Pontevedra. Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración entre ambas as institucións que inclúe outro tipo de proxectos centrados na investigación sobre a realidade lingüística da provincia. Un deles é o que leva por título O galego segundo a mocidade quince anos despois. Unha achega ás actitudes implícitas e discursos sociais baseada en técnicas experimentais. O traballo inclúe a recolleita, codificación, análise de datos e redacción de resultados sobre os discursos da mocidade galega actual.  

 A colaboración entre a Academia e a Deputación de Pontevedra tamén deu lugar, o pasado mes de marzo, á presentación de dúas publicacións sobre toponimia. Unha delas, Toponimia de Agolada, un traballo da académica correspondente Luz Méndez, abre a colección "Terra Nomeada", froito da colaboración entre a RAG e a Asociación Galega de Onomástica. Esta colección trata ademais de achegaralle ao público non especializado, de xeito científico pero divulgativo, a importancia da toponimia do país. Mentres que o volume titulado Estudos de Onomástica Galega. Microtoponimia: experiencias de recolla, didáctica e codificación recolle os relatorios da primeira Xornada de Onomástica Galega, que se celebrara o 17 de setembro do pasado ano. Naquela ocasión foran as experiencias de recolleita de microtopónimos, os nomes de vales, regueiros, montes, penedos, camiños ou fontes, os que centraran os relatorios.  

 Por último, RAG e Deputación tamén inclúen no marco da súa colaboración a publicación das intervencións no ciclo de mesas de debate que tiveran lugar no pasado exercicio, con motivo da conmemoración do centenario das Irmandades da Fala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario