26 de set. de 2017

A GUARDA

A MOSTRA “SORRISOS TRANSFORMADORES” CHEGA Á GUARDA

Para dar visibilidade ao colectivo trans  



Infogauda / A Guarda

 O próximo luns 2 de outubro inaugurarase no IES A Sangriña a exposición “Sorrisos transformadores”, unha mostra artística que busca dar visibilidade, sensibilizar e naturalizar ao colectivo trans, co o obxectivo de promover a igualdade de oportunidades, o respecto á diversidade e o dereito a ser diferentes. 

 Baixo o lema “respecta – defende – sensibiliza – iguala - vive e deixa vivir”, o proxecto está integrado por unha exposición fotográfica de visibilización positiva que inclúe imaxes de persoas alegres e orgullosas, acompañadas dun texto que reflicte unha frase ou idea dos seus protagonistas. Trata, en xeral, de prever actitudes e comportamentos discriminatorios por cuestión de orientación sexual ou identidade de xénero, atallando a problemática da intolerancia dende as xeracións máis mozas.  

 A traballadora social, docente e presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia (Arelas), Cristina Palacios, ofrecerá a charla-coloquio “Crianzas trans*formando a sociedade”,  dirixida ao público en xeral, no IES da Sangriña o 2 de outubro (16:00 h), inaugurando a exposición que permanecerá no instituto con acceso libre ata o día 8 de outubro. Previamente, presentarán a mostra o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, e a deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes Álvarez. Do 9 ao 15 de outubro, a mostra poderá visitarse no Centro Cultural.  

 “Sorrisos transformadores” é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e Arelas, con fotografías de Noemí Chantada e en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario