1 de xuño de 2017

LABORAL

A CIG mobilízase en Coren para forzar a empresa a negociar mellores condicións laborais para o persoal autónomo dependente 

Máis dun cento de delegados/as desenvolveron unha concentración nas instalacións centrais en Ourense

A CIG continuou hoxe coa campaña de mobilizacións que desenvolve dende hai máis dun ano en apoio do persoal de Servicarne
Foto: CIG

Infogauda / Ourense

 A CIG continuou hoxe coa campaña de mobilizacións que desenvolve dende hai máis dun ano en apoio do persoal de Servicarne, autónomos/as dependentes que traballan en empresas pertencentes ao grupo Coren, como é o caso da porriñesa Frigolouro. Máis dun cento de delegados/as sindicais participaron na concentración convocada diante das instalacións centrais da cooperativa ourensá. Coa protesta desta mañá a central pretende forzar á dirección a negociar melloras laborais para estes/as falsos/as autónomos/as, que padecen unhas condicións “do século XIX”.

A mobilización tivo lugar nas inmediacións das oficinas centrais do grupo Coren, situadas na parroquia ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, de 11.30 a 12.30 horas. No lugar despregouse unha faixa na que se podía ler “Non á explotación laboral en Coren” e berráronse consignas denunciando as condicións laborais que padece o persoal autónomo dependente da empresa Servicarne. A protesta estivo vixiada en todo momento por varias dotacións da Policía española e por axentes da Policía municipal.  

 Ao remate da concentración tomou a palabra o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Ourense, Paulo Conde, que participou na protesta xunto ao de Vigo, Suso García, a secretaria nacional da federación, Dores Martínez, e o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves. Conde comezou a súa intervención denunciando a situación laboral de explotación que viven estes/as traballadores/as: “Padecen unhas condicións de traballo infrahumanas, polo que volvemos a mobilizarnos porque Coren segue a incumprir o compromiso acadado coa CIG de sentarse a negociar unha mellora”.

 Condicións laborais "doutros tempos"  
 O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Ourense lembrou que no actual contexto, no que se continúa a afondar no modelo de capitalismo neoliberal, prodúcese “unha nova volta de torca” coa implantación da figura do autónomo/as dependente nas cooperativas de traballo asociado, “que agochan unhas condicións que nos fan volver a outros tempos: sen xornada de traballo, sen salario mínimo fixo, sen vacacións, con baixas laborais disfrazadas de baixas por enfermidade común, con ritmos de traballo infernais, sen posibilidade de sindicarse, sen poder protestar baixo pena de sanción, sen indemnización por despedimento, sen nada”.  

 Diante disto, sinalou que a CIG leva tempo combatendo esta situación en empresas como Servicarne mediante a realización de asembleas, paros, manifestacións, denuncias na Inspección de Traballo e nos Xulgados, reparto de panfletos, mocións nos Concellos e no Parlamento galego, etc.  

 Como exemplo puxo a concentración celebrada o pasado sábado 18 de marzo diante da Subdelegación do Goberno español en Ourense. “Foi un éxito pola asistencia dos traballadores/as de Servicarne a pesar da actitude da empresa, que fotografou aos asistentes para identificalos/as e fichalos/as para posteriores represalias”.     
 Convenios asinados por CCOO e UGT  
 Ao mesmo tempo, indicou que os convenios colectivos estatais de Industrias Cárnicas e de Matadoiros de Aves e Coellos asinados por CCOO e UGT, que se aplican ao persoal non autónomo de Coren, non regulan a utilización das cooperativas de traballo asociado, máis ben as permiten. “Por iso a CIG non asina estes convenios que permiten esta explotación, mais estes convenios serían distintos se o seu ámbito fose o de Galiza”.  

 Explicou que Servicarne é unha empresa catalá que se rexe pola Lei de Cooperativas de Catalunya. Como resposta ás mobilizacións realizadas pola CIG, o Goberno catalán modificou a Lei, e agora é de obrigado cumprimento a aplicación dos convenios colectivos de sector, así como as mesmas condicións laborais (horarios e salarios) que rexen para o persoal contratado.  

 Mais ante esta modificación da lei de Cooperativas, Servicarne acorda aplicar ao seu persoal autónomo a Lei estatal, para non ter que igualar en dereitos co resto do persoal do sector. “Diante disto, desde a CIG estamos a preparar denuncias individuais do persoal autónomo de Coren nas Inspeccións de Traballo de Galiza”.  

 Lembrou que no noso país existe unha Lei de Cooperativas propia, que lle permitiría a estes/as traballadores/as cobrar os salarios que rexen na empresa usuaria, “pero o Goberno galego mira para outro lado e semella que o problema non vai con eles/as”.  

 Neste senso, incidiu en que “hoxe máis que nunca ten todo o sentido o que, dende a CIG, vimos solicitando hai anos: un Marco Galego de Relacións Laborais e a competencia exclusiva en materia de traballo e saúde laboral para o noso país”. Finalmente, quíxolle deixar moi claro á dirección de Coren que “non imos parar até conseguir unhas condicións de traballo dignas para estes compañeiros/as”.

Ningún comentario: