1 de xuño de 2017

CULTURA

Olalla Cociña recibe o XIV Premio de Poesía Afundación pola obra ‘Vestir a noite’ 

No acto de entrega tamén se presentou a publicación do poemario, que acaba de ver a luz na colección Arte de Trobar 

Afundación, o Centro PEN Galicia e a Consellería de Cultura e Educación promoven este certame, dotado con 6.000 euros e a edición da obra gañadora

Olalla Cociña Lozano

Infogauda / Santiago de Compostela

 Olalla Cociña recibiu esta tarde na capital de Galicia o XIV Premio de Poesía Afundación polo seu poemario Vestir a noite, no marco dun acto no que tamén se presentou a publicación da obra, que acaba de ver a luz na colección Arte de Trobar.
 Cociña recibiu no acto os parabéns do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou “a necesidade de contar con iniciatiavas que lle garantan á poesía –un xénero de lectura cun público restrinxido– o lugar que lle corresponde no sistema literario”.
 “Así naceron estes premios promovidos polo Centro Pen Galicia hai xa catorce anos e con ese mesmo obxectivo a Xunta de Galicia vén acompañando este certame; probablemente o de maior prestixio neste ámbito, un prestixio forxado pola calidade das obras gañadoras –de autores tan diversos como María do Cebreiro, Marilar Aleixandre, Román Raña ou Fernán-Vello– e tamén polo traballo atinado do xurado, e pola propia bagaxe da entidade que o promove, o Centro Pen”, asegurou.
 Visibilidade e difusión para a poesía
 Anxo Lorenzo cualificou o apoio do Goberno galego ao premio literario como “un compromiso estable, que entendemos como valor desta convocatoria e que enfocamos non só como recoñecemento e plataforma de visibilidade para os autores e autoras premiados, senón tamén para que a obra chegue ás mans dos lectores”.
 Vestir a noite, presentada pola súa autora baixo o lema Tillandsia, foi distinguida co Premio de Poesía Afundación entre as máis de 30 obras presentadas á décimo cuarta edición do certame. O xurado –conformado por Dores Tembrás, escritora; Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Ana Abelenda, xornalista e crítica literaria en La Voz de Galicia; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado– cualificou a obra como “unha proposta poética ben artellada e consciente da súa macroestrutura; un traballo compacto con grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos”. Tamén destacou o xurado “a imaxinería naútica e a habelencia na clausura dos textos de ‘Vestir a noite’, que lle “aporta ao panorama da nosa lírica unha proposta dinámica e refrescante”.
 Favorecer a creación literaria en galego
 Afundación, o Centro PEN Galicia e a Consellería de Cultura veñen colaborando desde hai anos na convocatoria deste certame de referencia no panorama literario galego, co fin de favorecer a escrita poética en galego e de lle achegar ao público a creación literaria actual. Con este obxectivo, a Xunta de Galicia contribúe coa realización de diversos premios e certames literarios, como o Premio Narrativa Breve Repsol, o Premio de Poesía Gonzalo López Abente, o Premio de Poesía Concello de Carral e o Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, entre outros.
 Cuarto premio para Olalla Cociña
 Olalla Cociña Lozano naceu en Viveiro (Lugo) en 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación, vive en Santiago. Obtivo no 2000 o Premio de Poesía O Facho. Publicou os poemarios As cervicais da memoria (Premio Avelina Valladares 2004), Aquí (intemperies) (2006), Libro de Alicia (Premio Fiz Vergara Vilariño 2008, editorial Espiral Maior) e Ningún precipicio (Toxosoutos, 2013).
 A súa obra pódese atopar tamén en publicacións colectivas e antoloxías como Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia, Poetas con Rosalía, Volverlles a palabra, Letras novas, Sentimentalismo. Antoloxía de referencia ou Punto de ebullición: Antología de la poesía contemporánea en gallego (2015). Entre 2011 e 2015 coorganizou o ciclo Picaversos e ten impartido diversos obradoiros de animación á escritura e á lectura.
 O Premio de Poesía Afundación
 O certame comezou a andar en 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela e Miguel Anxo Fernán Vello, gañador da anterior convocatoria. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario