1 de xuño de 2017

A GUARDA

Nova cita coa gastronomía e a cultura esta fin de semana na Guarda  

Infogauda / A Guarda

 Nesta primeira fin de semana de xuño, continúa a Ruta Gastronómica Tapearte 2017. Os 23 establecementos adheridos ofertan tapas a 2 € os venres, sábados e domingos, en horario de 12:00 a 14:00 h  e de 19:00 a 22:00 h, ata o 18 de xuño.  


 Por outra parte, este venres 2 de xuño ás 20:30 h., no Centro Cultural temos unha cita coa cultura: Álvaro Villa presenta o seu terceiro libro dentro da saga “As crónicas de Ava”. Trátase de “Agrandamundos” (2017), volume que ven acompañado dun disco con nove composicións propias nas que une o estilo ambient co chill out e o new age. Villa naceu con parálise cerebral, aínda que isto non é impedimento para que a fortaleza marque os seus pasos día a día, de feito, imparte obradoiros e relatorios de superación e danza inclusiva e gañou o II Premio do Certame de Poesía “Feliciano Rolán”. Na presentación contará coa participación de Rosa Ayuso Díaz e Ricardo Rodríguez Vicente, e coa actuación de Mª José Baz Martínez.  


 E o sábado 3, ás 21 h., tamén no Centro Cultural, a Agrupación Cultural Guardesa homenaxeará a Laureano Matos Barcia, “Nani”, co gallo do Día das Letras Galegas. Este camposino recibiu importantes premios cinematográficos a nivel nacional e internacional pola súa ampla traxectoria profesional como actor, director e guionista. 

 Sobor de Nani Matos falará neste acto o actor Luis Iglesia Besteiro, no que tamén actuarán o Grupo de Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa, dirixido por Berta Castro, e o cantautor guardés Tino Baz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario