31 de maio de 2017

O ROSAL

INFRAESTRUTURAS LICITA POR UN MILLÓN DE EUROS A MELLORA DO FIRME DE VARIAS ESTRADAS DA COMARCA DO BAIXO MIÑO  

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá O Rosal onde se investirán case 158.000 euros na reforma da PO-353 

· Tamén se mellorará en Tomiño a PO-344 e a PO-195, así como a PO-552 en Oia e a PO-342 en Tui  

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, co alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela

Infogauda / O Rosal 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello do Rosal para anunciar a licitación das obras de mellora do firme de varias estradas da comarca do Baixo Miño que executará a Consellería de Infraestruturas e Vivenda por un montante global dun millón de euros. 

 A licitación destas obras foi publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, e no caso concreto do concello do Rosal, permitirán mellorar o firme da estrada PO-353, cun orzamento de case 158.000 euros, permitindo mellorar o pavimento existente entre os puntos quilométricos 3,100 e 7,710 a través do fresado das zonas que presentan gretas  así como a reposición da capa de rodaxe de 5 centímetros de espesor con formigón asfáltico, previa extensión de rego de adherencia. Tamén se demolerá e retirará o firme das zonas de existencia de blandons nun ancho non inferior a 2 metros e se reporán as marcas viais. En total, melloraranse 4,61 quilómetros, 

LICITACIÓN DOUTRAS OBRAS SIMILARES PARA ESTRADAS AUTONÓMICAS DO BAIXO MIÑO

 Por outra banda, no DOG tamén se contempla a licitación doutras obras similares para estradas autonómicas da comarca do Baixo Miño.  

 Deste xeito, melloraranse 1,64 quilómetros entre la PO-195 en Forcadela e a PO-552, no concello de Tomiño, co fresado da totalidade da superficie da plataforma, con reposición de capa de rodaxe, extensión de rego de adherencia e reposición de marcas viais, así como instalación de nova sinalización horizontal na intersección situada no punto quilométrico 1+050.  

 Neste mesmo concello, mellorarase tamén a PO-344 entre Forcadela e Couso ao longo de 12,35 quilómetros, con fresado, reposición de capa de rodaxe e repintado con reposición de marcas viais. A obra executarase entre os puntos quilométricos 2,500 e 12,300, e naquelas áreas nas que se observen proliferacións de fisuras sobre a rodaxe levarase a cabo un proceso de selado mediante mástico de betunes modificados con elastómeros, previa limpeza das oquedades.   

 En Oia, na PO-552, levaranse a cabo actuacións de melora no tramo que vai do quilómetro 33 ao 34 onde se fresarán as superficies que presenten patoloxías, repoñéndose a capa de rodaxe e as marcas viais. A o longo de toda esta estrada, que conta con 71 quilómetros e enlaza Vigo con Tui, mellorarase a simboloxía existente, e, ademais, entre os puntos quilométricos 33 e 36 repintarase e reporase a liña do eixe e as marcas viais do borde da calzada.   

 Finalmente, na estrada que une Virxe do Camiño con Cela entre Tui e Porriño, na PO-342, tamén se actuará sobre un total de 10,74 quilómetros, entre o punto 0 e o 10,74. Levarase a cabo o fresado de zonas en mal estado, reporase a capa de rodaxe e demolerase o firme. Tamén se repintará e se colocarán 3 sinais verticais e unha barreira de seguridade dobre para a protección fronte a desnivel.   Tal e como engadiu José Manuel Cores Tourís, ademais de todo o anterior, tamén se renovarán as marcas viais de 14 estradas da provincia, todas elas autonómicas: PO-010, a PO-241, a PO-244, a PO-250, PO-253, PO-324, PO-325, PO-331, PO-332, PO-350, PO-355, PO-363 e PO-510.  

 “En total, estamos a falar dun proxecto de case un millón de euros”, explicou o delegado territorial, quen rematou recordando “o esforzo que está a facer a Consellería de Infraestruturas neste senso, dada a importancia de manter as estradas en boas condicións de cara a garantir a seguridade viaria”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario