30 de maio de 2017

CRECENTE

Turismo de Galicia destina máis de 62.000 € para completar a posta en valor de pesqueiras da lamprea no Baixo Miño 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e o alcalde de Crecente, Julio García-Luengo, asinaron hoxe un convenio en virtude do cal se culminará o acondicionamento da Pesqueira da Follagueira

Tras a súa rehabilitación, Turismo de Galicia acomete agora a segunda fase mellorando os seus accesos e aparcadoiro 

Nava Castro sinalou o “importante valor turístico e diferencial” das pesqueiras da Ruta da Lamprea no eido nacional e internacional  

No que vai de ano, este xeodestino presentou un crecemento do 26% en número de viaxeiros e un 37% en pernoitas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e o alcalde de Crecente, Julio García-Luengo, asinaron hoxe un convenio en virtude do cal se culminará o acondicionamento da Pesqueira da Follagueira


Infogauda / Crecente

 Turismo de Galicia destinará máis de 62.600 euros para completar a recuperación da Pesqueira de Follagueira -situada no municipio pontevedrés de Crecente- co acondicionamento dos seus accesos e aparcadoiro, para potenciar así o seu valor como recurso turístico do Baixo Miño.
 Así se materializou hoxe nun acto no que a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Crecente, Julio García-Luengo, asinaron un convenio a través do cal Turismo de Galicia completa o seu compromiso con este recurso turístico, que se iniciou o ano pasado coa súa rehabilitación e que ve completada agora a súa posta en valor.
 Con esta aportación, Turismo de Galicia pretende mellorar a experiencia do visitante deste recurso turístico. Un tipo de construción do que a directora de Turismo de Galicia destacou a súa singularidade, tradición e valor histórico. “Son un exemplo vivo da enxeñería popular e do coñecemento do río, pero tamén un importante recurso para a Ruta da Lamprea”, indicou.
 Impulso á Ruta da Lamprea
 E é que, como engadiu, a sona da que goza este peixe no ámbito internacional non é só atribuíble á calidade do produto, senón tamén á forma artesanal da súa captura, convertendo así ás pesqueiras en recursos turísticos que diferencian a Galicia como destino.
 Por iso, e como indicou, o acondicionamento dos accesos da Pesqueira da Follagueira, suporá tamén un incentivo para a Ruta da Lamprea do Baixo Miño, que ao longo duns 25 quilómetros pola súa ribeira, desde Crecente a Salvaterra, conta con numerosas pesqueiras dun gran valor que é importante conservar e potenciar. “Unha ruta que permite descubrir os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais deste concello ao redor dos labores de pesca e gastronomía deste singular peixe”, explicou.
 Recursos turísticos diferenciadores
 Nesta liña, Nava Castro fixo mención aos esforzos do seu departamento por potenciar os valores diferenciadores de Galicia como estes, algo que está materializado na segunda das liñas de actuación da Estratexia do Turismo 2020, a folla de ruta do seu departamento para os vindeiros catro anos.

 “Tomando como exemplo a Ruta da Lamprea traballamos para continuar poñendo en valor os produtos senlleiros da nosa comunidade e as súas técnicas de recolección ou artes de captura. E xerar ao seu redor, experiencias turísticas de calidade”, explicou.
 A posta en valor desta Pesqueira suporá, ademais, un importante pulo de atracción para o turismo de calidade ao concello de Crecente. Un concello incluído no xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, que neste primeiro cuadrimestre do ano está a manter a tendencia positiva dos últimos anos, ao presentar un incremento de viaxeiros aloxados do 26% e un 37% máis en pernoitas con respecto ao ano anterior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario