18 de abr. de 2017

CULTURA

Convocada a quinta edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O galardón do certame consiste na realización dunha exposición co traballo gañador, que se acompaña dun catálogo na colección Outono Fotográfico  

O prazo para a presentación das obras permanecerá aberto do 19 de abril ao 15 de setembro de 2017 

Favorecer a produción artística e a difusión da creatividade neste ámbito é o principal obxectivo deste certame, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea celebra este ano a súa quinta edición cos obxectivos de favorecer a creación artística actual e de dar a coñecer propostas de calidade dos autores e das autoras que están a traballar neste ámbito de expresión cultural.
 A nova convocatoria do certame foi presentada esta mañá en rolda de prensa, no Museo das Peregrinacións e de Santiago, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola deputada de Cultura, Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo, Pilar García, ambos en representación das entidades que apoian a iniciativa; polo coordinador do premio, Vítor Nieves; e por Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico, festival ao abeiro do que se desenvolve o premio.

 Mostra itinerante e publicación

 O galardón do certame, segundo explicaron, está dotado con 8.000 euros, que se traducen na realización dunha exposición itinerante co traballo gañador, que se acompaña dun catálogo editado no marco da colección de libros de fotografía Outono Fotográfico; dúas iniciativas das que o secretario xeral de Cultura destacou o seu “interese para avanzar na difusión da creación fotográfica contemporánea, así como na posta en valor das expresións artísticas nas diferentes linguaxes actuais”. Para iso, o certame promove un amplo percorrido da mostra en espazos expositivos de referencia tanto dentro como de fóra de Galicia co que lle achegar ao público as propostas premiadas. Concretamente, a mostra será inaugurada no marco do Festival Outono Fotográfico e poderá itinerar durante dous anos dentro da súa programación.
 Na cuarta edición do premio, o proxecto gañador foi ‘Environments’, de Jon Gorospe, un ensaio cunha linguaxe dedicidamente contemporánea no que o autor, con diversas pezas de orixe fotográfica e audiovisual, convida a repensar a posición do ser humano no mundo e a súa relación endocentrista co que o rodea.

Un escaparate para as expresións artísticas contemporáneas



 Promovido polo festival Outono Fotográfico co apoio da Consellería de Cultura e Educación e da Deputación de Lugo, o certame ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Así mesmo, pretende promover a creación dun espazo fotográfico en Galicia que complemente o creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico, mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores e de autoras tanto nacionais como estranxeiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario