7 de feb. de 2017

PONTEVEDRA

O PP critica a “nefasta actuación e falta de previsión” do Bipartito provincial durante o temporal  

Critican que o Parque de Maquinarias estivo sen funcionar durante todo o fin de semana e que das oito brigadas que hai dispoñibles, só dúas estiveron de garda. 

“Mentres os concellos sufrimos os danos de un temporal fortísimo, tivemos que ver un goberno provincial durmido, un bipartito que se pon de lado aos problemas desta provincia”, critica Nidia Arévalo. 

Ángel Moldes pide a Carmela Silva “que se deixe de criticar a outras administracións e que diga que vai facer a Deputación de Pontevedra para apoiar aos concellos”.  

Nidia Arévalo, estivo acompañada polo tamén voceiro do grupo Ángel Moldes, e do deputado Jose Enrique Sotelo
Foto: G.P.PP.


Infogauda / Pontevedra

 O grupo provincial do Partido Popular criticou esta mañá a “nefasta actuación e a falta de previsión” do goberno bipartito da Deputación de Pontevedra durante o temporal, que foi incapaz de establecer un dispositivo especial e poñer todos os seus recursos de apoio aos concellos da provincia, a pesar das alertas que existían por fortes ventos e choivas.  

 Nidia Arévalo, que estivo acompañada polo tamén voceiro do grupo Ángel Moldes e do deputado Jose Enrique Sotelo, criticou que “cando todos xa sabiamos o que nos viña enriba”, o bipartito non activou todos os mecanismos que ten á súa disposición. Así, explicou que as máquinas estiveron aparcadas e o Parque pechado desde as 15.00 horas do venres ás 8.00 horas do luns. Ademais, das oito brigadas que hai dispoñibles, desde o venres ás 15.00 horas só traballaron dúas, que son exactamente as mesmas que están de garda calquera fin de semana do ano.  

 “A Deputación é a institución máis próxima e ten que ser a primeira en asistir aos concellos. Non o dicimos os deputados do PP, o di a lei”, sinalou a voceira do grupo, Nidia Arévalo, que recordou que, por segundo ano consecutivo, “mentres os concellos sufrimos os danos de un temporal fortísimo, tivemos que ver un goberno provincial durmido, un bipartito que se pon de lado aos problemas desta provincia”.  

 A popular criticou que “o primeiro ano podíamos pensar que o abandono do parque de maquinarias e do apoio aos concellos podía ser un problema de falta de reacción, de improvisación, de non enterarse que están gobernando… Pero cando isto se repite unha vez máis, xa non hai escusas”.  

 Nesta liña, pregúntanse “por que a presidenta da Deputación dá a espalda aos veciños dos concellos cando se produce esta situación crítica? Por que non funciona o parque? Por que non asiste aos concellos? E por que as estradas provinciais continúan abandonadas?” Ademais, a voceira popular criticou que os socialistas da provincia “teñan o atrevemento que lles caracteriza” para facer unha valoración da actuación da institución autonómica. “É un maquillaxe á súa actuación, máis cando a Xunta foi a única administración que puxo todos os medios a disposición dos concellos”. Nidia Arévalo tamén recordou que o ano pasado foi tamén a Xunta a única que apoiou economicamente aos concellos para paliar os danos ocasionados polos temporais. 

 Tamén o voceiro Ángel Moldes incidiu nesta idea. “Que se deixe de criticar a outras administracións onde goberna o PP, que é o único que saben facer, e que Carmela Silva diga que vai facer a Deputación de Pontevedra para colaborar cos concellos”. A proposta dos populares é crear unha liña de axudas extraordinarias para paliar os efectos dos temporais e axudar aos concellos afectados a sufragar os gastos para reconstruír as infraestruturas danadas.  

 “A Deputación non debe quedar ao marxe”, criticou Ángel Moldes. “Cando todos sabiamos que había unha alerta, foron incapaces de poñer a funcionar todos os recursos que ten a Deputación de Pontevedra. Ten que implicarse e colaborar”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario