8 de feb. de 2017

MEDIOAMBIENTE

Patrimonio Natural anuncia a licitación por valor de 150.000 euros dun estudo para o coñecemento da poboación da anguía europea nas zonas de desembocadura de Galicia costa 

O estudo determinará as características dos hábitats, superficies de ocupación, biomasa e a dinámica poboacional da anguía co obxectivo último de garantir a protección e xestión da especie  

O ámbito do traballo serán as desembocaduras dos ríos Umia e Ulla e, nunha segunda fase, estenderase ás areas de Costa da Morte, Costa Ártabra e A Mariña  

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o anuncio por procedemento aberto da licitación do servizo 

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Diario Oficial de Galicia anuncia hoxe o procedemento aberto para a licitación dun estudo centrado no coñecemento da poboación da anguía europea nas zonas de desembocadura fluvial da demarcación Galicia Costa. Esta actuación que promove a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería do Medio Ambiente contará cun orzamento de 150.000 euros e o seu fin último é a protección e xestión da especie. Previamente, é necesario realizar un estudo sobre a dinámica poboacional da anguía, os seus hábitats e o seu nivel de ocupación, o que permitirá implantar unha metodoloxía e a futura incorporación destas zonas na rede de inventariado piscícola.
 O ámbito de estudo sobre a poboación de anguía europea será, nunha primeira fase, as desembocaduras dos ríos Ulla e Umia e, nunha segunda fase, a metodoloxía de traballo extrapolarase ás desembocaduras representativas doutras tres áreas xeográficas que son Costa da Morte, Costa Ártabra e A Mariña.
 A previsión é que o traballo se execute ao longo do 2017 e durante o primeiro semestre do 2018. A primeira parte está estreitamente vinculada ao traballo de campo e cuxo fin é coñecer o estado e evolución da especie no ámbito de actuación das desembocaduras dos ríos Ulla e Umia. Unha vez analizados os resultados, estableceranse os protocolos e técnicas de mostraxe máis axeitados para o estudo da bioloxía da especie e aplicaranse nas zonas de desembocadura das áreas da Costa da Morte, Costa Ártabra e da Mariña.
 En definitiva, o estado de conservación da anguía esta sendo obxecto de estudo no conxunto dos países da Unión Europea. Así, dende a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, impúlsase este proxecto, que permitirá coñecer a abundancia, dinámica e distribución xeográfica da especie. Tamén axudará a establecer as técnicas de mostraxe e a metodoloxía axeitada para a análise da fracción da poboación de anguía residente nas augas salgadas e salobres próximas ás desembocaduras dos ríos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario