2 de feb. de 2017

EMPREGO

Galicia pecha xaneiro con 24.369 parados menos que hai un ano situándose o desemprego no nivel máis baixo dos últimos 7 anos 

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado salientando que este descenso supón a maior caída nun mes de xaneiro desde hai 20 anos

En termos relativos, o desemprego baixou nun 10,31% na evolución anual  

Toca sinalou que Galicia está na boa dirección para consolidar a recuperación económica porque o paro segue baixando e as afiliacións e contratacións subindo  

O número de contratos en xeral medrou nun 11,50%, crecendo os indefinidos nun 22,08% e a tempo completo nun 10,18%  

O desemprego volve a diminuír nas principais variables con respecto a hai 12 meses: nas catro provincias, 7 grandes cidades, todos os sectores e tramos de idade e tanto en homes como mulleres e nos colectivos prioritarios para a Xunta  

Nos menores de 30 anos decreceu nun 17,44%, nos parados de longa duración nun 10,75% e nas mulleres nun 8,61%



Infogauda / Santiago de Compostela

 Galicia pechou o mes de xaneiro con 24.369 persoas menos en situación de desemprego, o que supón un descenso do 10,31% con respecto a hai un ano, case un punto máis que a media do Estado. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado salientando que a cifra sitúa a Galicia en niveis de paro inferiores a hai 7 anos e destacando que a Comunidade xa suma máis de 3 anos de caídas do desemprego consecutivas na evolución anual. 


 Toca, ademais, resaltou que o descenso producido supón a maior caída nun mes de xaneiro desde hai ao menos 20 anos (de toda a serie histórica que é desde 1996) e sinalou que por cuarto ano consecutivo logra reducirse o número de persoas sen emprego nun mes de xaneiro.

 A responsable de emprego mostrouse prudente cos datos do desemprego aínda que deixou claro que “Galicia está na boa dirección para consolidar a recuperación económica”. Neste senso, indicou que a Comunidade conta con menos parados que hai un ano e máis afiliacións á Seguridade Social e contratos laborais. Con respecto a este último eido, apuntou que a contratación en xeral medrou nun 11,50% crecendo a indefinida nun 22,08% e a tempo completo nun 10,18%. “O ritmo de subida da contratación indefinida resultou máis do dobre que a da temporal”, engadiu.
 En cuanto ás afiliacións, seguen mellorando cun crecemento dun 2,13%, o maior producido nun mes de xaneiro desde 2008. Galicia rexistra xa 34 subidas consecutivas nas afiliacións.
 O desemprego tamén descendeu con respecto a hai 12 meses nas principais variables: nas catro provincias, as 7 grandes cidades, todos os sectores, tramos de idade, tanto en homes como en mulleres como nos colectivos prioritarios para a Xunta: os menores de 30 anos (-17,44%); os parados de longa duración (-10,75%); e as mulleres (-8,61%).


 En canto ás provincias, detallou que a de Pontevedra lidera a baixada con respecto a xaneiro de 2016 (-10,66%), seguida da Coruña (-10,44%), Ourense (-10,12%) e Lugo (-8,56%), e sobre os sectores de actividade, apuntou que o desemprego diminuíu en todos eles, liderando o descenso con respecto a hai un ano a construción nun -18,02%, seguido da industria cun -12,35% e da agricultura e pesca cun -10,64%.

 Con respecto ao mes pasado, o paro rexistrado subiu nun 2,99% concentrándose practicamente todo o incremento no sector servizos debido ao remate da campaña de Nadal. De feito, a secretaria xeral de emprego explicou que o paro sube, polo xeral, no mes de xaneiro no conxunto das Comunidades Autónomas coa excepción das illas que aproveitan o tirón do turismo de inverno. Neste mes, o paro só descendeu nas Illas Balears. “Estamos a falar, polo tanto, dunha subida que ten lugar independentemente do ciclo económico”, subliñou. Por iso, incidiu na importancia que ten a evolución anual dos datos do paro rexistrado.
 En todo caso, sinalou que a subida experimentada é a menor nun mes de xaneiro desde o inicio da crise e “moi inferior” á media dos últimos 8 anos.
 Por último, Toca recalcou que a máxima prioridade do Goberno galego é a creación de emprego de calidade e, por iso, lembrou que os orzamentos, a través da Axenda 20, seguen dando prioridade ao emprego cun incremento para o ano 2017 de máis dun 15%. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario