1 de feb. de 2017

EMPREGO

A Xunta presidirá ata 2020 o comité directivo do Servizo Eures Galicia-Norte de Portugal de impulso ao emprego transfronteirizo 

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presidiu hoxe en Valença unha xuntanza para fixar o plan de actividades 2017

Salientou a importancia de crear un mercado laboral accesible entre os traballadores da Eurorrexión destacando a cooperación e labor que se está a realizar entre as oficinas de emprego desta zona para aumentar as oportunidades laborais dos desempregados  

Este servizo tamén promove o intercambio de información sobre prácticas profesionais e de aprendizaxe  

Marnotes indicou que o Goberno galego, a través da Axenda 20, traballa para incrementar a eficiencia do Servizo Público de Emprego de Galicia para que sexa “máis próximo” para os usuarios, sexan demandantes de emprego ou empresas


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presidiu hoxe en Valença a xuntanza do comité directivo 

Infogauda / Valença 

 Galicia presidirá ata 2020 o Comité Directivo do Servizo Eures Galicia-Norte de Portugal co que se busca impulsar o emprego da Eurorrexión contribuíndo ao desenvolvemento dun mercado de traballo aberto e accesible.
 O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presidiu hoxe en Valença a xuntanza do comité directivo na que se abordou o plan de actividades 2017.
 Marnotes explicou que este servizo, entre outras vantaxes, favorece o intercambio de ofertas e demandas de emprego entre os traballadores da rexión transfronteiriza e salientou a importancia de incrementar a cooperación e labor que xa se está realizar entre as oficinas de emprego da Eurorrexión para aumentar as oportunidades laborais das persoas sen emprego.
 Sinalou que, entre as actuacións que desenvolve o Servizo Eures, resaltan o intercambio de información sobre o mercado laboral de cada zona como é sobre prácticas profesionais e de aprendizaxe ou sobre as condicións de vida e de traballo e as oportunidades para a adquisición de competencias. Precisamente, no eido da formación, Marnotes fixo fincapé e sinalou que o Goberno galego destinará este ano 86,2 millóns de euros, un 21,6% máis que en 2016, a este ámbito para adecuar a formación e capacidades do talento galego á demanda real do tecido empresarial.
 O responsable de Orientación resaltou que a Xunta, a través da Axenda 20 para o Emprego, traballa tamén na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) para que sexa máis próximo as persoas usuarias, sexan demandantes de emprego, ou sexan empresas que buscan un traballador, e na elaboración dun plan de actuación para que os 485 orientadores laborais que hai en Galicia funcionen en rede, cun mesmo “modelo de servizo”.
 Neste último ámbito, sinalou a importancia de desenvolver un novo modelo de orientación laboral aberta para personalizar e reforzar estes servizos apostando por un sistema de xestión de calidade e mellora continua e coa creación dun novo portal, máis orientado aos servizos.
 En definitiva, do que se trata, segundo sinalou Marnotes, é “de seguir traballando para incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e avanzar nos obxectivos que compartimos entre Galicia e o Norte de Portugal”. “A meta do Goberno galego é mellorar o funcionamento do mercado laboral transfronteirizo para ofrecer novas e mellores oportunidades aos nosos traballadores”.
 A  Axenda 20 para o Emprego inclúe entre os seus retos ata 2020 a creación de 80.000 postos de traballo, a redución da taxa de paro ata o 10% e o incremento nun 20% das persoas atendidas en orientación laboral. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario