2 de feb. de 2017

ECONOMÍA

Carmela Silva expresa a súa preocupación ante os datos de paro de xaneiro 

A presidenta da Deputación provincial subliñou que o descenso do desemprego está ligado á contratación temporal  


Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra


Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa preocupación polos datos do paro rexistrados no mes de xaneiro, tanto na totalidade do Estado español coma en Galicia e, especialmente, na provincia de Pontevedra, posto que "volve supoñer un aumento do desemprego en España do 1,55 %; 57.257 persoas ingresaron nas listas dos desempregados deste país, e o número de desempregados ascende a 3.760.234, do cal o 56 % son mulleres".  

 Tal como subliñou a presidenta, "o número de contratos asinados no mes de xaneiro de 2017 ascendeu a 1.633.592, dos cales apenas o 9,19 % son indefinidos". Por iso, explicou, "quero mostrar a miña preocupación porque o desemprego en España segue sendo un problema estrutural, a creación de emprego está ligada á estacionalidade da actividade económica, polo tanto segue a ser un gran problema e eu espero que todas as administracións, de forma particular o Goberno de España e a Xunta de Galicia, deixen de dar aplausos cada vez que hai bos datos e que recoñezan que son conxunturais".  

 Silva mantén que seguimos a rexistrar un problema gravísimo de desemprego estrutural, que afecta dun xeito especial as mulleres, que son o 56 %, "polo tanto, un motivo máis para traballar pola igualdade e adicarlle recursos suficientes á promoción da igualdade, e non seguir a recortar orzamentos como fai a Xunta de Galicia, case un 19 % no que ten que ver coa promoción da muller, é logo, mostrar a miña preocupación pola porcentaxe tan baixa de traballos indefinidos".  

 Carmela Silva incidiu en que os empregos que se crean "son todos traballos temporais, a tempo parcial moitos deles, á parte sen garantías e sen dereitos, polo tanto, empregos de moi mala calidade". En Galicia, lembrou, "o desemprego crece por riba da media estatal, ao achegarse ao 2,99 %. Espero que, igual que outros meses que Galicia estaba por debaixo dos datos de desemprego e do crecemento de desemprego de España ou que o índice de crecemento de emprego era maior, e o señor presidente mostraba a súa alegría por eses datos, pois que agora saia tamén a valorar estes datos que nos sitúan por riba da media estatal do desemprego, e que recoñezan que Galicia está peor que o conxunto de España, porque cando é ao contrario sae a dicilo tamén".  

 Así mesmo, apuntou que "en Pontevedra o desemprego tamén está por riba da media estatal, na provincia subía un 2,77 %, dos cales o 55 % son mulleres".  

 Con respecto ao tipo de contratación que se está a producir, Carmela Silva subliñou que son de carácter temporal, "que representan o 92,18 % do total. Polo tanto, mostrar a miña preocupación por estes contratos temporais de baixa calidade que, en moitos casos, incluso non son de xornada completa".  

 Por último, sinalou, "que as prestacións a nivel estatal mantiveron en xaneiro unha taxa de cobertura do 56,6 %; isto preocúpame moito porque hai moitas familias no noso país, na nosa comunidade e na nosa provincia que están no desemprego e que non están cubertas por ningún tipo de subsidio, o que significa que hai moitas persoas que están nun risco moi grave de exclusión social, e iso non se pode consentir".

Ningún comentario:

Publicar un comentario