7 de feb. de 2017

DEPORTES

A Deputación de Pontevedra achega aos concellos e o sector deportivo as conclusións do plan estratéxico do deporte 2017-2020 


O Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020 foi elaborado en estreita colaboración coas federacións, entidades deportivas, clubs e concellos da provincia de Pontevedra  

A deputada de Deportes, Chelo Besada, e o deputado de Cooperación, David Regades, presentaron esta mañá na sede de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza as conclusións do Plan Estratéxico do Deporte para os anos 2017-2020
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A deputada de Deportes, Chelo Besada, e o deputado de Cooperación, David Regades, presentaron esta mañá na sede de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza as conclusións do Plan Estratéxico do Deporte para os anos 2017-2020 que foi elaborado coa colaboración e achega de ideas de todas as federacións, centros deportivos, Universidade, entidades deportivas, clubs e concellos da provincia de Pontevedra. A través deste plan, a Deputación de Pontevedra pretende promover a práctica da actividade física e deportiva entre a cidadanía, así como proxectar a provincia como marca de referencia nos hábitos deportivos saudables.  

 Chelo Besada asegurou que "a través deste Plan Estratéxico estamos dando resposta ao futuro desenvolvemento do deporte nos municipios da provincia, así como ao impulso de ferramentas de cooperación que permitan promover proxectos de consenso en materia deportiva". Pola súa banda, o deputado de Cooperación, David Regades, afirmou que "cando chegamos á Deputación de Pontevedra fixemos facer unha radiografía global para coñecer a situación do deporte da provincia, pedímosvos a vosa colaboración e todo o mundo achegou o seu gran de area". Regades, ademais, sinalou que "este é un proxecto transversal e vivo, que se vai seguir alimentando de todos e todas vós, e que se elaborará dende as distintas áreas da institución provincial (deportes, cooperación, turismo, cohesión social e xuventude, igualdade…) para, deste xeito, garantir o seu éxito".  

 O Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020 da Deputación de Pontevedra xurdiu pola necesidade de responder ás necesidades da cidadanía en materia deportiva, levando a cabo políticas públicas máis coordinadas e innovadoras que partan do respecto da autonomía local dos concellos para impulsar tanto procesos de promoción e consolidación do deporte como actividades deportivas. A institución provincial promoveu, no primeiro semestre do ano 2016, unha serie de reunións e mesas sectoriais co obxectivo de escoitar a todos os axentes implicados para elaborar unha diagnose que permitise configurar esta actuación. A Deputación de Pontevedra quere dar resposta, a través deste plan, á promoción do deporte, ao futuro desenvolvemento do deporte nos municipios da provincia e tamén ás ferramentas de cooperación como fundamento para proxectos de consenso.  

 En concreto, a través do Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020 promoveranse proxectos como o Plan Director de Instalacións Deportivas, que permitirá á institución provincial coñecer as instalacións e espazos deportivos existentes na provincia así como valorar o seu estado e ocupación e a creación de novas infraestruturas. Tamén se realizará unha guía de mantemento e modernización de ditas instalacións, impulsando a eficiencia enerxética.  

 Por outra banda o plan impulsará as "DEPOrte Escolas", que teñen por obxectivo chegar a toda a poboación infantil garantindo un maior incremento na oferta para iniciar na práctica deportiva a todas as nenas e nenos da provincia. Para acadalo levaranse a cabo campañas de publicidade, campañas informativas dirixidas a entidades locais e ANPAS da provincia, entre outras iniciativas.  

 Outra das cuestións que implicará a posta en marcha do Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020 será o fomento do tecido asociativo, ben aprobando liñas de colaboración por concorrencia competitiva para o fomento da práctica deportiva, para o financiamento dos clubs con equipos en alto nivel; ben impulsando convenios para impulsar a colaboración entre as asociacións e os centros educativos especializados; ou ben modernizando, incentivando a calidade, impulsando programas de promoción do deporte e de formación, creando seminarios e xornadas de intercambio de experiencias ou promovendo campionatos deportivos.  O plan tamén pretende elaborar un proxecto de imaxe de marca provincial para o fomento do deporte encamiñada a obter o selo de calidade deportiva. A través desta marca fomentaranse hábitos saudables a través do deporte e tamén valores positivos como o xogo limpo ou traballo en equipo.  

 Ademais, o Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020 porá en marcha unha ferramenta 3.0 aberta a todas as entidades para mellorar a xestión do deporte na provincia de Pontevedra, ben como un centro de consulta e información dixital, ben dando a coñecer datos de eventos, campionatos, simposios ou  compras e stocks de materiais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario