7 de feb. de 2017

A GUARDA

A SENDA LITORAL TAMÉN SUFRIU OS EFECTOS DO TEMPORAL 

A pasarela de madeira da Senda Litoral voltou a sofrer importantes danos por causa do forte temporal 
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Despois de feitas as valoracións dos desperfectos provocados polo temporal do pasado xoves día 2 de febreiro, "o concello da Guarda considera como desperfectos importantes, ademais do xa coñecido a través dos medios de comunicación do Espigón do porto, os efectos producidos polo temporal na Senda Litoral", segundo ven de comunicar o executivo municipal.  

A imaxe reflicte a dispersión de varios tramos de pasarela de madeira
Foto: C.A.G.

 Fontes municipais informan que "o mar afectou aproximadamente uns 200 metros de senda, nalgúns casos movéndoa do seu lugar e, nunha lonxitude aproximada de 50 metros, facéndoa desaparecer. Os restos da senda acabaron esparcidos polas fincas ata onde chegou a auga do mar. Ademais disto, na propia senda o temporal provocou unha avaría no colector que vai á depuradora no que están traballando os servizos municipais para darlle unha solución de urxencia".  

 Desde o Concello indican tamén que "o alcalde da Guarda, este mesmo luns, púxose en contacto con Costas do Estado para solicitar axuda para reparala o antes posible, dado a gran cantidade de usuarios que ten esta infraestrutura.  

Na zoa do Puntal, tamén houbo importantes desperfectos na Senda Litoral
Foto: C.A.G.

 Ademais destes dous grandes desperfectos, nunha valoración pormenorizada, obsérvase un gran número de pequenos incidentes como baldosas levantadas, bancos rotos, desaparición de papeleras, etc., que haberá que ir repoñendo nas próximas semanas".

Así quedou, a causa do temporal, o exemplar do cedro do Líbano, da Fortaleza de Santa Cruz
Foto: Joaquina Martínez

 Os danos polo temporal, segundo pudemos comprobar tamén afectaron a outros espazos públicos, como por exemplo a Fortaleza de Santa Cruz, onde o forte vento danou seriamente o que o longo de moitas décadas, fora un magnífico exemplar de cedro do Líbano (Cedrus libani).

Ningún comentario:

Publicar un comentario