1 de feb. de 2017

A GUARDA

CULTURA

JOAQUÍN MIGUEL VILLA ÁLVAREZ (AUTOR DA TRILOXÍA SOBOR DA SOCIEDAD PRO-MONTE SANTA TECLA): “ME SINTO MOI HONRADO - COMO HISTORIADOR E COMO GUARDÉS– DE TER ESTUDADO A INICIATIVA COLECTIVA TAL VEZ MÁIS IMPORTANTE NA HISTORIA DA GUARDA NA SÚA HISTORIA.

“Miña maior satisfacción como historiador sería que A Guarda tivese un Arquivo Histórico, unha institución de prestixio que salvagarde a riquísima documentación que existe nesta localidade” 



Joaquín Miguel Villa Álvarez, asinando exemplares do seu novo libro 
Foto: Ricardo Rodríguez Vicente

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda


 Ainda que non precisa presentación, Joaquín Miguel Villa Álvarez (A Guarda, 1967), diplomado en Educación Xeral Básica (Escola Universitaria do Profesorado de Pontevedra, 1988), licenciado en Xeografía e Historia na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela (1991) e doutor en Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (2000) coa tese Los gallegos de Puerto Rico, 1821-1963: un proceso de formación de burguesía a ambos lados del Atlántico. É profesor do Colexio PP. Somascos da Guarda desde 1989. Sen ningún xénero de dúbidas,  J. Miguel Villa Álvarez é o gran historiador da emigración guardesa a Puerto Rico e República Dominicana, e das sociedades de A Guarda e súa comarca, entre outras liñas de traballo de investigación.

 Autor de numerosas publicacions, entre elas El Convento de las Benedictinas de A Guarda,1558-1984, Villa Álvarez é o exemplo máis intanxible de unha serie de valores persoais que lexítimamente posúe, como a constancia, a perseverancia, o rigor, a tenacidade,..., entre outros, que acreditan unha persoalidade de indiscutible repercusión cultural. É ademais, apreciado por todos, o cal, nun país como o noso, non é tarefa doada.

 Qué sorte temos os guardeses, en particular, e os baixo miñotos, en xeral, de contar con unha persoa así!

  E a constatación do que decimos, tivémola, unha vez máis, o pasado sábado día 28 de xaneiro, no acto de presentación do seu novo libro - La Sociedad  Pro-Monte Santa Tecla (3ª parte 1939-1979) Una larga y frutífera permanencia” -, que tivo lugar no Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda, evento que ninguén quixo perderse.

 Con Joaquín Miguel Villa Álvarez, mantivemos á seguinte entrevista:

Coa publicación de La Sociedad  Pro-Monte Santa Tecla (3ª parte 1939-1979) Una larga y frutífera permanencia”, da súa autoría, remata vostede unha ardua investigación. Semella que foi – dito en sentido figurado, obviamente – como un parto complicado. Cómo se sinte logo desa labor de anos de traballo?

- Realmente acabei bastante canso. Este último tomo de Pro-Monte (1939-1979) foron dous anos e medio de traballo continuado; e hai momentos en que se me fixo moi duro. O que pasa [e] que cando rematas tes sempre unha sensación de fonda satisfacción, propia do deber cumprido.

Aínda que sabemos do rigor co que adoita vostede desenvolver súa labor como historiador, cál foi, neste caso, á metodoloxía que seguiu nesta investigación?

-  Ao igual que nos tomos 1º (1912-1928) e 2º (1928-1939), a documentación coa que establezo o fío condutor do estudo son as actas da propia Sociedad Pro-Monte; e ao mesmo tempo fun completando esa liña argumental co resto da información xerada tamén pola asociación, tanto manuscrita (papeis soltos) como impresa (memorias anuais). A continuación usei a información que me aportaron outros arquivos, moi especialmente o municipal, que para este época tiña moito sobre o monte Santa Trega. E tamén varios arquivos privados. Máis alá da documentación manuscrita, consultei de forma sistemática o diario «El Pueblo Gallego» ata o ano 1971. E todo iso contrastado coa bibliografía que puiden atopar relacionado co tema.

Tendo en conta a inxente documentación a que vostede accedeu, non cabe ningunha dúbida que non hai ninguén que coñeza tan ben a Historia da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla como vostede. Que nos pode decir o respecto?

- Pois a verdade é que me sinto moi honrado –como historiador e como guardés– de ter estudado a iniciativa colectiva tal vez máis importante na historia da Guarda na súa historia. E unha das máis destacadas de toda Galicia no eido arqueolóxico, paisaxístico, turístico e cultural.

Somos conscentes, a maioría dos guardeses, da repercusión que a nivel cultural, económico, social e turístico, supuxo para A Guarda e súa comarca, a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla?

 - Bastante xente xa o era antes deste estudo. Pero co paso de tempo todo se esquece, e se non se deixa por escrito dita conciencia pode chegar perfectamente a desaparecer da memoria histórica. Nese sentido espero que tras esta triloxía moita xente tome conciencia do enorme calado que tivo esta asociación na historia da Guarda; e mesmo valore e sinta como propio o espírito de Pro-Monte que aqueles homes representaron.

Despois dunha época brillante, na que a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla foi a entidade que impulsou un desenvolvemento sen precedentes, e que probablemente, non volte a repertirse, a que coida vostede que na súa derradeira etapa, chegou a ser considerada por alguén, como unha “entelequia”?

 - Certamente, no ano 1979 a Pro-Monte deixa de funcionar como asociación pois a directiva non celebra xa máis reunións e deixa de dar mantemento ao libro de actas. Non obstante terá unha presenza activa durante a década de 1980 baixo a presidencia interina de Antonio Martínez Vicente. Pero no ano 1993, coa creación do Padroado Municipal do Monte Santa Trega, a Pro-Monte foi excluída do mesmo, e polo tanto a partires de entonces tivo xa só unha presenza latente. Tal vez entonces houbera sido xa unha entelequia, se non fora porque ten escrituras de propiedade ao seu nome. O que significa que segue a ter personalidade xurídica.

Como historiador ten vostede afrontado traballos de fondo calado, que ou ben non foran abordados por outros investigadores, ou non se fixeran coa extensión e profundidade con que vostede o fixo. Cáles son, agora mesmo, seus principais retos como historiador?

- Con neste libro remato un ciclo da miña vida dedicado exclusivamente á Historia da Guarda. Nos vindeiros anos vou tentar –Deus mediante– publicar a miña tese de doutoramento que defendín no ano 2001 e que estiven ampliando e afondando dende entonces: a «Emigración galega a Puerto Rico (1815-1975)». 160 anos de historia nos que A Guarda –como non!– xoga un papel central.

Aínda que nos imaxinamos, que supón para vostede, de renuncia o seu lexítimo e necesario “espazo de confort”, súa labor como historiador?

- Bastante, obviamente. A miña filla di que case sempre estou traballando; o que me crea un cargo de conciencia. Nese sentido resulta fundamental a enorme axuda e comprensión da miña muller, sen a cal non podería estar tanto tempo no ordenador. E non só iso. As nosas vacacións de verán teñen sido case sempre a lugares onde están os arquivos que teño que consultar...

Como investigador cál sería súa maior satisfacción persoal?

 - Sen dúbida a miña maior satisfacción como historiador sería que A Guarda tivese un Arquivo Histórico, unha institución de prestixio que salvagarde a riquísima documentación que existe nesta localidade –tanto municipal como privada– e proxecte liñas de investigación para todos os interesados na prolífica historia guardesa.

Qué mensaxe lle gustaría trasmitir as novas xeracions?

- Que non deixen nunca de interesarse por tratar de saber e coñecer o que fixeron os seus antepasados, así como as épocas que lles tocaron vivir.

Algo máis que engadir?

- Tan só volver a dar as grazas a todas as persoas que me axudan sempre nas miñas investigacións con documentos, testemuñas, fotografías, etc. Para todas elas o meu máis sincero agradecemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario