30 de xan. de 2017

TURISMO

A Casa de Galicia de Madrid acolle a presentación do libro da Real Academia de Gastronomía Alta cociña galega 

O acto contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, o presidente da Real Academia de Gastronomía, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia e o cociñeiro galego Estrella Michelin Pepe Solla

Nava Castro explicou que o libro constitúe unha excelente carta de presentación dalgunhas das máis destacadas composicións culinarias a través das cales móstrase a gran oferta gastronómica da que dispón Galicia   

A responsable de Turismo da Xunta fixo fincapé no alto recoñecemento acadado a nivel internacional pola gastronomía galega a cal converteuse na segunda motivación pola que os turistas elixen Galicia como destino

A Casa de Galicia de Madrid acolleu a presentación do libro da Real Academia de Gastronomía Alta cociña galega 


Infogauda / Madrid

 A Casa de Galicia de Madrid acolleu esta mañá a presentación do libro da Real Academia de Gastronomía Alta cociña galega que compila a traxectoria e receitario de catorce dos mellores cociñeiros da nosa comunidade así como unha detallada selección das nosas mellores materias primas.
 O acto contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Real Academia de Gastronomía, Rafael Ansón; o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; e o cociñeiro galego Estrella Michelin, Pepe Solla.
 Na presentación, Nava Castro destacou o labor realizado pola Real Academia da Gastronomía da cal afirmou é fundamental tanto para o estudo como para a promoción da oferta culinaria e de restauración de Galicia.
 A directora de Turismo de Galicia explicou que o libro Alta cociña galega inclúe tanto propostas de autor como receitas tradicionais ademais de dedicar un capítulo específico aos viños galegos. “Deste xeito, constitúe unha excelente carta de presentación dalgunhas das máis destacadas composicións culinarias a través das cales móstrase a gran oferta da que dispón a nosa terra”, destacou.
 Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta fixo fincapé no alto recoñecemento acadado a nivel internacional pola gastronomía galega, a cal, afirmou, consolidouse como a segunda motivación pola que os turistas elixen Galicia como destino. “A gastronomía constitúe un produto diferencial debido á súa calidade e á súa gran capacidade de atractivo turístico”, manifestou.
 Nava Castro resaltou que Galicia conta con 69 restaurantes certificados coa Q de Calidade Turística aos que hai que engadir os 13 que renovaron o prestixioso recoñecemento de Estrella Michelin este ano e os 26 restaurantes que lucen 37 Soles Repsol. “Ademais a importancia da gastronomía en Galicia fai que se celebren máis de 300 festas enogastronómicas ao longo de todo o ano”, engadiu.
  A directora de Turismo de Galicia concluíu afirmando que comer na nosa comunidade é un conxunto de experiencias ligadas ao goce dun dos nosos fundamentais recursos turísticos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario