30 de xan. de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PIDE AOS CONCELLOS QUE FAGAN AS SÚAS APORTACIÓNS ÁS BASES DAS LIÑAS DE AXUDAS PARA POÑER EN VALOR OS MONTES DA PROVINCIA  

O vicepresidente Mosquera insta ás alcaldesas e alcaldes a que realicen as súas propostas para a creación de parques forestais antes do 28 de febreiro   

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de achegar aos concellos da provincia o primeiro borrador das bases das liñas de axudas para poñer en valor os montes da provincia coa fin de que realicen as súas aportacións. O vicepresidente César Mosquera instou ás alcaldesas e alcaldes a que participen na redacción do texto final e propoñan melloras e contribucións antes do 28 de febreiro.   

 Segundo indicou Mosquera, o monte é o grande esquecido do territorio galego, polo que a Deputación de Pontevedra pretende poñer en marcha un ambicioso e novidoso proxecto para poñelo en valor e crear parques forestais singulares: frear os lumes ou minimizar o seu dano, levar adiante propostas que poñan en valor a paisaxe e crear explotacións complementarias á madeireira, xa sexan micolóxicas, gandeiras ou doutro tipo.   

 Para iso a institución provincial abrirá unha liña de axudas que alcanzará 1.200.000 euros na que traballará da man das diferentes xuntas de montes e dos concellos. Haberá dous apartados subvencionables. O primeiro terá 360.000 euros e destinarase á redacción de proxectos de intervención no monte para organizar as actuacións. O segundo (con ata 840.000 euros) servirá para financiar as actuacións concretas a desenvolver. O financiamento poderá chegar ata o 80% do valor total dos proxectos e actuacións en función do número de solicitantes e dos valores que se propoñan.  

 Unha das esixencias para optar ás axudas será que o ámbito de actuación debe ser dun mínimo de 50 hectáreas, polo serán fundamentais os acordos entre diferentes comunidades de montes e os concellos.  

 No día de hoxe, o vicepresidente Mosquera remitiu unha carta ás rexedoras e rexedores. Unha vez se cumpra o prazo establecido (ata o 28 de febreiro), os técnicos provinciais valorarán as aportacións e, en función do seu contido, incorporaranse ao texto final para que sexa aprobado e se publique no Boletín Oficial da Provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario