30 de xan. de 2017

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra implanta en febreiro a Administración electrónica noutros oito concellos da provincia 

Pontecesures, Arbo, Ponteareas, Portas, Valga, Salceda de Caselas, Forcarei e A Guarda serán os beneficiados por esta iniciativa da Deputación  


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, para dar cumprimento á lexislación vixente relativa ao acceso electrónico da cidadanía ás actuacións públicas, está a prestar o servizo de implantación, uso e soporte dunha solución de Administración electrónica para os concellos de menos de 50.000 habitantes. Con esta prestación, á que a institución provincial destina 847.000 €, preténdese facilitar que os concellos que non conten cos recursos suficientes poidan levar a cabo a adaptación e modernización tecnolóxica. 

 Desde a posta en marcha desta actuación foron varios os concellos que se puxeron en contacto coa Deputación de Pontevedra para pedir esta subministración, incluída no marco das competencias que a Lei de réxime local lles concede ás institucións provinciais. Deste xeito, durante o mes de febreiro implantarase a Administración electrónica en Pontecesures (o 1 de febreiro), Arbo (o día 6), Ponteareas (o 8), Portas (o día 9), Valga (o día 10), Salceda de Caselas (o día 13), Forcarei (o 14 de febreiro) e A Guarda (o día 15).  

 Con estes oito concellos e cos cinco primeiros nos que se instaurou (Agolada, Cerdedo-Cotobade, Cangas, Cambados e Mondariz) xa son 13 os concellos nos que a Deputación de Pontevedra está a impulsar solucións para que poidan dispoñer dunha sede electrónica personalizada para a súa relación coa cidadanía e, por outro lado, un portal para que o persoal da Administración local poida realizar a xestión integral dos procedementos e expedientes por medios electrónicos. Polo tanto, a través desta ferramenta poderase consultar un catálogo de servizos electrónicos de trámites, consultas de expedientes, procedementos, etc. que se poden iniciar de forma telemática e presentar no rexistro electrónico sen necesidade de realizar un desprazamento presencial ás administracións.  

 A Deputación de Pontevedra achega desde a implantación das aplicacións necesarias ata a posta en marcha do sistema, un plan de formación orientado á aprendizaxe dos aspectos técnicos e funcionais da nova ferramenta para a súa posta en funcionamento, un soporte ás e aos usuarios para resolver consultas, o mantemento correctivo, evolutivo e perfectivo dos servizos, a súa actualización e a inclusión de novas funcionalidades, sempre en estreita colaboración cos servizos informáticos dos concellos da provincia adscritos á iniciativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario