30 de xan. de 2017

PESCA

A Xunta de Galicia convoca os exames para as titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente 

As probas teóricas e prácticas realizaranse no vindeiro mes de marzo no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería do Mar vén de convocar os exames ordinarios de carácter libre (non é preciso realizar un curso previo) para as titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente. A convocatoria e demais documentación precisa para concorrer a estas probas está publicada na web da Consellería, premendo eiquí.
 Os exames teóricos e prácticos realizaranse nos seguintes centros: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico, en Vigo; Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o prazo para matricularse en calquera dos exames vai do 30 de xaneiro ao 20 de febreiro.
 No caso da titulación de mariñeiro pescador, o exame teórico-práctico terá lugar o día 23 de marzo nos tres centros. Para a titulación de patrón local de pesca (sección máquinas) o exame será o vindeiro 27 de marzo e a proba para a titulación de patrón local de pesca (sección ponte e común) será o día 28 de marzo.
 Por último, o exame para a titulación de patrón costeiro polivalente (sección ponte) será o 30 de marzo. Nesta mesma titulación (sección máquinas) a proba teórica programouse para o 29 de marzo.
 As persoas candidatas solicitarán a correspondente matrícula, terán que cumprimentar a solicitude que figura como anexo II da Orde do 31 de xullo de 2014 e cumprirán as condicións de acceso establecidas para as distintas titulacións. O modelo de solicitude está dispoñible na Guía de Procedementos e Servizos. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, pero tamén poderán tramitarse en soporte papel ou formalizarse directamente nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde se examinen os aspirantes.
 Unha vez finalizado o prazo de solicitude de inscrición, farase pública a listaxe provisional dos aspirantes admitidos e excluídos na páxina web da Consellería do Mar e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que os excluídos poidan emendar as deficiencias.

Ningún comentario: