30 de xan. de 2017

ECONOMÍA

As xornadas informativas da Xunta de Galicia para asesorar os afectados polas cláusulas chan chegan esta semana a Baiona e A Estrada 

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participará nas charlas que terán lugar mañá martes no baionés Auditorio da Casa da Navegación e o xoves no Museo do Moble estradense  

Estes encontros enmárcanse dentro da campaña que está a percorrer as principais vilas e cidades galegas  

As persoas interesadas tamén poden recibir asesoramento gratuíto a través da web de Consumo, no número de teléfono 900 231 123, nas oficinas municipais de información ao consumidor e nas asociacións de usuarios de Galicia



Infogauda / Santiago de Compostela

 A campaña informativa posta en marcha pola Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para informar aos consumidores sobre a última sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea relativa ás cláusulas chan e o procedemento extraxudicial activado polo Goberno central chegará esta semana ás localidades pontevedresas de Baiona e A Estrada.
 Así, o Auditorio da Casa de Navegación de Baiona (Rúa Ventura Misa, 17) acollerá mañá martes, 31 de xaneiro, a partir das 19:30 horas esta xornada na que a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, explicará os pasos que deben seguir os afectados para facer efectiva a súa reclamación ante as entidades financeiras. No tocante á Estrada, o encontro será o xoves, 2 de febreiro, a partir das 19 horas, no Museo do Moble e da Madeira, situado na Avenida de Benito Vigo.
 A campaña informativa, que está a percorrer as principais cidades galegas, ten como principal obxectivo prestar información e asesoramento gratuíto ás persoas que se viron afectadas por cláusulas chan abusivas nos seus créditos hipotecarios. A través destas charlas, a Xunta indica a usuarios e consumidores que teñen a súa disposición todos os medios cos que conta a Administración autonómica para que poidan reclamar ante as entidades bancarias a devolución do diñeiro cobrado indebidamente a través das cláusulas chan, e informa sobre o procedemento extraxudicial aprobado polo Goberno central.
 Para facilitar o acceso a toda a información que precisan, tamén está publicado na web de Consumo as instrucións sobre cómo proceder para reclamar ante as entidades financeiras, así como un modelo de formulario para realizar a reclamación e a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ao respecto, así como o Real Decreto-lei 1/2017, do 20 de xaneiro, de medidas urxentes de protección de consumidores en materia de cláusulas chan.
 Ademais, os cidadáns poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego de Consumo, a través do teléfono gratuíto 900 231 123, así como nas oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC) e nas asociacións de consumidores e usuarios de Galicia.

Ningún comentario: