31 de xan. de 2017

A GUARDA

O CENTRO CULTURAL DA VILA ACOLLE A PRESENTACIÓN DA PUBLICACIÓN “CAMIÑOS DA IMAXE”, SOBRE O FOTÓGRAFO JOAQUÍN GARCÍA PORTELA “COSTIÑA”

Será o venres día 3 de febreiro, ás 20:30 horas.


Infogauda / A Guarda


 Este venres, día 3 de febreiro, ás 20:30 horas, o Centro Cultural da Guarda abrirá as portas do seu Salón de Actos para acoller a presentación da publicación “Camiños da Imaxe”. Trátase dun libro que inclúe a obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, obra que xa foi exposta ao público nunha exposición do mesmo nome, que estivo na Casa dos Alonso o pasado verán, con gran éxito de asistencia.  

 Na presentación deste libro estará o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal Fariña, e Ricardo Rodríguez Vicente como portavoz da familia de “Costiña”. Ademais a presentación estará ao cargo de Xurxo González Rodríguez e Beli Martínez, de Proxecto Socheo, comisarios da exposición do verán.  

 Neste evento presentarase unha publicación que recolle a obra do fotógrafo e filmógrafo guardés “Costiña”, pioneiro do cinema guardés, do que foron atopados e dixitalizados os seus filmes familiares realizados entre 1926 e 1929, que supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.   

 A presentación irá seguida da proxección destes filmes de Costiña, nos que se poden ver paisaxes locais como a costa, o monte Santa Trega, o Porto e incluso a chegada da flota pesqueira ó Berbés (Vigo); así como escenas da vida cotiá protagonizadas pola familia do fotógrafo, especialmente polas súas fillas Celia e Consuelo. A proxección estará acompañada por unha interpretación musical do pianista e compositor Karolis Biveinis.  

Xurxo González Rodríguez, de Proxecto Socheo desenvolvendo unha unidade didáctica con escolares guardeses
Xurxo González, de Proxecto Socheo, impartirá unha unidade didáctica aos alumnos dos colexios para que coñezan a obra de “Costiña”
Fotos: C.A.G.

 Con este acto culminarase unha completa semana de actividades realizadas en torno á obra de Joaquín García Portela “Costiña” e que é resultado dunha inquedanza mostrada dende o concello da Guarda, tras a exposición que tivo lugar no verán, para realizar un esforzo por dar a coñecer a obra de “Costiña” a tódolos guardeses. Con este obxectivo durante esta semana traballarase cos colexios de primaria da vila nos que Xurxo González, de Proxecto Socheo, impartirá unha unidade didáctica aos alumnos dos colexios para que coñezan a obra de “Costiña” e a importancia do autor guardés. A vindeira semana tamén se continuará esta labor de difusión coa proxección das imaxes nas asociacións Avelaíña e San Xerome, así como na Residencia da 3ª Idade e en Centros da E.S.O.  

 Ademais, o mesmo día da presentación do libro volverá a estar aberta ao público a exposición “Camiños da Imaxe”, que permanecerá no Centro Cultural da Vila ata o sábado día 18 de febreiro. Poderá ser visitada de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Os sábados só en horario de mañá.  Deste xeito os guardeses que non puideron acudir á exposición no verán teñen unha nova oportunidade de coñecer as fotografías e imaxes de “Costiña” e aqueles que xa a viron poderán volver a desfrutar da excepcional obra dun guardés ilustre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario