17 de dec. de 2016

VIGO

A nova exposición do Museo do Mar de Galicia mergúllase no universo creativo de Paula Mariño

Baixo o título ‘Il Mare (1996-2016)’, a mostra reúne unha selección de obras da artista viguesa realizadas nas últimas dúas décadas

Infogauda / Vigo

 A obra de Paula Mariño é a protagonista da nova exposición temporal do Museo do Mar de Galicia, que ata o vindeiro 5 de febreiro de 2017 acolle unha selección de pezas realizadas pola artista viguesa durante as últimas dúas décadas e que teñen o mar como eixo vertebrador.
 ‘Il Mare (1996-2016)’ é o título deste novo proxecto expositivo que lle achega ao público a “mirada creativa de Paula Mariño, as reflexións, vivencias e a maneira de entender a arte dunha autora recoñecida e de ampla bagaxe”. Así o asegurou esta tarde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de inauguración da exposición da mostra, no que recordou ese interese constante do museo por converter o feito artístico nunha ponte entre o patrimonio marítimo e a cidadanía.
 Comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez, a mostra vertébrase a partir dunha viaxe pola paisaxe en distintas técnicas e materiais, lenzos, instalacións, papeis e caixas, dispostas dun xeito cronolóxico que amosan as distintas fases da súa produción artística. No proxecto pictórico, que se completa con distintos libros de artista e que conta tamén cun vídeo realizado para a ocasión, as pezas xorden como resultado de anos de investigación formal e estética, sempre con distintos materiais, pero con elementos comúns: os papeis pegados, a economía de medios e mais a linguaxe expresionista.
A exposición achégase á paisaxe como espazo de reflexión e investigación, centrándose na inmensidade do mar. Ao mesmo tempo, afonda no punto de vista feminino na arte e no papel da muller ao longo da historia nesta disciplina. De feito, é precisamente esa visión a que leva a Mariño a presentar unha mostra vinculada con diversas técnicas e formatos.

 Artista multidisciplinar

 Nada en Vigo en 1958, Paula Mariño é diplomada en Maxisterio e licenciada en Belas Artes e en Historia da Arte. Ademais das exposicións individuais e colectivas nas que ten amosado a súa obra desde os anos 90, realizou tamén labores de comisariado en diferentes mostras sobre arte contemporánea.
 Merecedora de recoñecementos no Certame de Expresión Plástica Ramón J. Sender, no Certame Vila de Redondela e no Ademart Champagnat do Concello de Vigo, entre outros.
 A súa faceta creativa tamén abrangue a escrita. Ademais de participar regularmente na revista ‘A Festa da Palabra’, a actividade literaria de Paula Mariño céntrase na publicación de contos, con obras como ‘Ela’ (2000), na colección Abismos de Edicións Xerais, ou o libro de relatos ‘A derruba’ (2006), na editorial Ir Indo.

1 comentario: