17 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra promocionará a provincia ao abeiro da serie de TV "O final do Camiño" 

A presidenta, Carmela Silva, sinala que a Deputación patrocina esta produción que emitirán TVE e TVG "polo escaparate que supón para a provincia"  

Carmela Silva, presidenta da Deputación na presentación da serie televisiva "O final do Camiño" 
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciou onte que o Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acollerá o martes 27 de decembro ás 19.00 horas un acto de promoción , que emitirán en horario de máxima audiencia Televisión Española (TVE) –co título en castelán de "El final del Camino"- e Televisión de Galicia (TVG). Nesta serie "a provincia de Pontevedra é o escenario protagonista", salientou.  En total son oito capítulos duns 70 minutos de duración cada un dirixidos a un público familiar e producidos pola firma Voz Audiovisual, e segundo salientou a presidenta da Deputación "o motivo da nosa colaboración é o escaparate que supón para a nosa provincia, xa que moitas das localizacións están en Pontevedra".  

 Así, na serie poderanse ver paisaxes de Silleda, Lalín, Xestoso, Forcarei, canteira de Rosende, canteira de Vila de Cruces, mosteiros de Carboeiro e Aciveiro, praia fluvial de Siro, Pazo de Outeiro en Vilatuxe, fervenza de Escuadro, Vila de Cruces, Campomarzo, Ansemil, Carballeira da Barcia e o Castro da Estrada.  

 Ademais empregáronse as instalacións da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, onde se recreou a Compostela medieval e as obras de construción da catedral. En total "2.500 metros cadrados de sets de gravación", subliñou Carmela Silva.    

 O acto do día 27 servirá para celebrar "a fin da rodaxe da serie", indicou, e nel estará parte do equipo da mesma, que contou "cun elenco moi importante" de artistas. No evento exhibirase unha peza audiovisual na que se mostrarán os enclaves de Rías Baixas nos que se gravou a serie, tanto imaxes dos propios espazos como do proceso da gravación, así como o tráiler promocional, e haberá tamén música en directo.  

 Segundo lembrou Carmela Silva, a serie comezou xa coa súa campaña de promoción, que se pode ver en televisión, e tamén se presentou en festivais como os de Cannes ou Miami. Con doses de loitas de poder, intrigas, historias de amor e desamor, asaltos e batallas, sitúase o comezo da historia no ano 1065 –dez anos antes do inicio das obras da nova catedral compostelá- e vertébrase arredor do camiño de Santiago.  

 Participan actrices e actores como Antonio Velázquez, Javier Rey, Maxi Iglesias, Begoña Maestre, Guillermo Barrientos, Cristina Castaño, Asier Etxeandia, Ismael Martínez, Juan Fernández, Xavier Deive, Tito Asorey, Joan Massotkleiner, Manuel de Blas, Antonio Durán ‘Morris', Jaime Olías, Patricia Peñalver, Paco Manzanedo ou Fina Calleja.  

 Os patrocinios de series de éxito, películas, producións audiovisuais e en definitiva da industria cinematográfica son ferramentas "fundamentais", explicou Carmela Silva, para achegar escenarios ás telespectadoras e telespectadores e convidalas e convidalos a coñecelos. De feito, subliñou, é "unha estratexia que empregan habitualmente os destinos turísticos acadando, a longo prazo, excelentes resultados", en definitiva "é a estratexia dos destinos turísticos con máis proxección".

Ningún comentario:

Publicar un comentario