17 de dec. de 2016

PONTEAREAS

Cores Tourís analizou co alcalde de Ponteareas as demandas do concello en relación á Administración autonómica 

O novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra realizou unha visita institucional a este municipio con motivo do seu nomeamento

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional ao concello da Ponteareas onde mantivo unha entrevista co seu alcalde, Xosé Represas

Infogauda / Ponteareas

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou onte unha visita institucional ao concello da Ponteareas onde mantivo unha entrevista co seu alcalde, Xosé Represas, quen lle transmitiu as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.
 No encontro estiveron tamén presentes representantes do PSOE, PP e BNG do municipio.
 O delegado territorial continúa así, tras tomar posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.
 Xosé Represas analizou con Cores Tourís varias cuestións relativas á infraestruturas, así como os últimos avances no Plan Xeral de Ordenación Municipal e a conclusión dos traballos de recuperación da senda do río Tea.
 En relación ás infraestruturas, o alcalde de Ponteareas manifestou o seu interese na constitución da comisión de seguimento do proxecto de execución da vía de comunicación directa coa autopista. O delegado territorial recordou a Represas que este tema está na man do Goberno central, aínda que se comprometeu a informar á Consellería de Infraestrutura acerca do interese do municipio na axilización da posta en marcha desta comisión.
 Por outra banda, o concello tamén demandou a mellora da seguridade viaria en varios puntos das estradas de titularidade autonómica que atravesan este municipio. Neste senso, José Manuel Cores Tourís solicitoulle a Xosé Represas que dea traslado por escrito destas necesidades á Xefatura Territorial de Infraestruturas de cara a que os técnicos poidan avalialas.
 O rexedor de Ponteareas tamén informou a José Manuel Cores Tourís en relación a situación do PXOM, destacando o feito de que se están a rematar os últimos trámites e que agardan poder conseguir a súa aprobación definitiva no prazo de dous meses.
 Ademais, o responsable municipal quixo facer expresa unha invitación á Xunta de Galicia para visitar as obras de recuperación da senda do río Tea que están a piques de rematarse, agradecendo ademais á administración autonómica a posta en marcha dun novo obradoiro de emprego “co que estamos moi satisfeitos, porque se lle da a estar formación a persoas desempregadas do municipio que con esa ferramenta poderán enfrontarse, ao remate dos seis meses de duración deste obradoiro, a busca dun emprego ou incluso á constitución dunha empresa propia”.
 Represas rematou agradecendo tamén a colaboración entre as dúas administracións, a local e a autonómica, de cara a posta en marcha de obras de mellora nos centros do municipio, en especial, no IES Pedra da Auga, afectado por un incendio en novembro de 2015, e no que se investiron 215.000 euros para a recuperación integral da aula-taller. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario