22 de dec. de 2016

A GUARDA

APROBADOS INICIALMENTE OS ORZAMENTOS MUNICIPAIS PARA 2017

O Concello da Guarda contará en 2017 cuns orzamentos de 6.142.948,06€, e o de Padroado Municipal Monte Santa Trega de 186.310,60€.  

Sesión plenaria da Corporación Municipal do Concello de A Guarda
Foto: Santiago Baz Lomba (Arquivo)

Infogauda / A Guarda

 No pleno que tivo lugar no día de onte aprobáronse inicialmente os orzamentos para o exercicio 2017 do Concello da Guarda cos votos do equipo de goberno e co apoio dos dous grupos minoritarios, a concelleira non adscrita Fátima Iglesias Ferreira e por Converxencia Galega Celso R. Fariñas; cos cales se adquiriron compromisos que non alteran o  proxecto que os socialistas teñen para A Guarda. 

 O equipo de goberno considera que estes orzamentos son importantes para cubrir as necesidades dos veciños da Guarda, xa que agora estaban traballando cos presupostos prorrogados de 2015. Isto supón que o Concello da Guarda contará en 2017 cuns orzamentos de 6.142.948,06€, e o de Padroado Municipal Monte Santa Trega de 186.310,60€.  

 Desde o executivo municipal que preside Antonio Lomba Baz sinalan: Do orzamento aprobado a partida máis significativa e á que o equipo de goberno quixo dar un maior impulso foi a destinada a Servizos Sociais. Esta ronda os 500.000 € e se destinará servizos como a atención das persoas maiores, á axuda a domicilio, emerxencia social ou ó Centro de Información da Muller. Nesta partida prodúcese así o maior aumento, que alcanza o 31%. Ademais, como parte do proceso de modernización da administración local, Servizos Sociais contará cunha aplicación informática para a xestión da axuda a domicilio.  

 En relación con esta modernización, outra das principais preocupacións reflexadas nestes orzamentos é a mellora da calidade das prestacións dos servizos que realiza a propia administración local. Contémplase unha partida para redactar a Relación de Postos de Traballo (RPT) coa finalidade de conseguir a mellora na eficacia dos servizos que se prestan dende o propio concello.  

 Deste xeito, cos orzamentos de 2017 aprobados onte, quedan mellor estruturadas as partidas dos diferentes servizos que se prestan dende o concello e que se adaptan e responden mellor á realidade cambiante da vila, o que suporá unha mellora na satisfacción das necesidades dos veciños da Guarda.  

 Tamén se realizou unha modificación nas subvencións que se outorgan a algunhas asociacións deportivas e que responden ó cambio das súas condicións, adaptándose así á situación actual das mesmas.  

 Dentro do Plan Concellos 2017, que conta cunha partida de 765.000 €, o equipo de goberno inclúe entre as súas prioridades realizar un plan de accesibilidade para o concello.  

 Recalcan que o equipo de goberno comezou o día 7 de novembro as conversacións cos diferentes grupos da oposición. Nestas tratouse de consensuar os orzamentos, xa que o equipo de goberno tiña claro que no exercicio 2017 non se podía traballar co orzamento prorrogado de 2015, pois non permitía dar satisfacción ás necesidades da sociedade guardesa. Co BNG houbo dúas reunións: unha en novembro, na que trasladaron que existía a posibilidade de que este grupo se sentase a falar, e outra en decembro na que o BNG trasladou ó equipo de goberno da Guarda que non estaban pola labor de apoiar os orzamentos de 2017. 

 Ademais, dende o equipo de goberno sinalan: “Lamentamos as afirmacións dalgún grupo da oposición en clave persoal que poñen de manifesto que o único que queren é estrangular a acción de goberno e que con reaccións de ese nivel amosan a súa falta de implicación e presencia nas diferentes asociacións culturais, veciñais, deportivas ou sociais da localidade.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario