20 de out. de 2016

VIGO

Esixen ao SERGAS que deixe de contratar en fraude de lei 

Concentracións sindicais nos hospitais vigueses demandaron a regularización das vacantes 

Representantes sindicais na concentraciòn no Hospital Álvaro Cunqueiro
Foto: C.I.G.- Saúde


Infogauda / Vigo 

 O Servizo Galego de Saúde debe abandonar o sistema de contratacións “en fraude de lei” ou “a golpe de sentenzas xudiciais”. Así o demandan as centrais sindicais que hoxe se concentran nos hospitais vigueses en prol do emprego estábel e de calidade na sanidade pública. Fronte iso, reclaman unha oferta pública de emprego que estabilice as vacantes “cubertas de xeito irregular”.  

 As centrais sindicais con representación na Mesa Sectorial do SERGAS, entre as cales se atopa a CIG-Saúde, concéntranse hoxe nos hospitais Álvaro Cunqueiro (ás 11 horas) e no Meixoeiro (ás 14 horas) para esixir unha nova convocatoria dese organismo na que se poña fin ás “nefastas” prácticas de contratación. Segundo denuncian, o organismo autonómico “ten interese en manter a precariedade laboral e afondar na vulneración de dereitos do persoal”, e para isto válese de mecanismos irregulares para a cobertura das vacantes con eventuais.  

 Para rematar con iso, reivindican que estas prazas “emerxan” e se “oferten por rigorosa orde de puntuación nas listas de contratación” para, con posterioridade, seren ofertadas nun concurso de traslados e nunha Oferta Pública de Emprego (OPE), seguindo os principios de “igualdade, mérito e capacidade”.  

 Finalmente, remarcan que as/os traballadoras/es “acceden a listaxes de contratación polo seu esforzo e méritos”, tendo que superar “máis dun proceso de OPE, anos de experiencia laboral con contratos precarios, e formación continuada”, o que “engade valor ao traballo que desenvolven”. Ese sistema regrado, indican, “non se pode subtituír por un sistema de contratacións en fraude de lei, nin estas prazas se poden cubrir a base de sentenzas xudiciais”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario