20 de out. de 2016

PONTEVEDRA

O servizo provincial de publicacións presenta 'A ría de Pontevedra en fotografías' 

A presentación, aberta ao público, terá lugar este xoves día 20 de outubro, ás 19:00 horas, no Arquivo provincial e contará coa asistencia do autor, Germán Cruces, e os prologuistas, Xosé Carlos Carballido e Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez 

Infogauda / Pontevedra

 'A Ría de Pontevedra en fotografías' presentarase este xoves, ás 18:00 horas, no Arquivo provincial nun acto aberto ao público. Este libro forma parte do catálogo de edicións propias do Servizo provincial de Publicacións, dependente do departamento de Cultura e Lingua, e recolle en fotografías de alta calidade monumentos, flora, fauna e paisaxes representativas dos concellos de toda a Ría.  

 Na presentación estará presente o autor do libro, Germán Cruces Rajoán, e os dous prologuistas: Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, presidente da Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, e Xosé Carlos Carballido, catedrático de Xeografía e Historia. Participarán, ademais, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e están convidados todos os alcaldes dos concellos da Ría: Cangas, Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e O Grove.  

 Roteiros, praias, solpores, vistas panorámicas e romarías forman parte dun documento que, en palabras do deputado Cultura e Lingua, "destaca a espectacularidade dunha Ría coma a de Pontevedra, cun grande valor paisaxístico e etnográfico". Xosé Leal lembra ademais que "este libro encaixa no tipo de publicacións que editamos desde o Servizo de Publicacións, que se caracterizan por poñer en valor elementos naturais, etnográficos e  históricos da provincia, e que habitualmente non atopan cabida nos circuítos da editoras comerciais". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario